O TRAMPITÁN DE VALLE

OPINIÓN

11 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Do caderno xorde o Río da Prata, la Mar Dulce dos nosos antepasados exploradores. Está calmo. Só corre brisa dabondo como para que o veleiro propio faga espuma branca nas ondiñas terrosas. Por proa pasa un barco con vela caranguexa e na cuberta do propio xorde o comentario: «Velaí o almirante. Habería que contar cantos cadáveres deixou nestes baixíos». Porque o dono do barco armado con peculiar pano foi un dos milicos afogadores de infinitas voces de zurdos na etapa en que a Arxentina inventou unha alternativa a estar vivo ou morto: estar desaparecido. Foron uns asasinos masivos, que, como tantos nese ¿noso¿querido país subnormal e austral, quedaron con media xustiza; ou con ningunha... Pasados os meses, o caderno de viaxe marca desprazamento breve, a Compostela, cun obxectivo principal: a proximidade a Ernesto Sábato, quen xa entendera o ser galego desde tempos distantes, infantís e pampeanos. Don Ernesto está velliño, case parece o corpo descarnado dun personaxe de Sobre héroes y tumbas . Mais nese corpo case incorpóreo bule a enerxía de quen se atreveu a asinar aquel Nunca más , que nunca máis foi: por fortuna, hoxe, co dólar a tres pesos ou catro patacóns, os milicos andan co «violín en bolsa» (armas nos armeiros). Sábato conta en Fonseca como coñeceu ós galegos, españois diferentes, con lingua propia e sentimento nacional: o da inxustiza de seren emigrantes sometidos a mofa ( gallego pata sucia, gallego de mierda no aluvión pratense). Fala da dignidade lingüística de Rosalía, recolledora de idioma. E amoesta ós outros galegos escritores de obra maior que desertaron. Menciona a Valle-Inclán, o maior de todos. E o viaxeiro ten medo da fraxilidade do mestre arxentino. Por iso non se lle achega para lle reproducir a idea do seu homónimo Guerra da Cal. Dicía ese poeta filólogo, amor de Federico, que Valle Inclán fora dabondo xenial como para inventar «un trampitán por medio do cal os casteláns coidan que están a ler en galego...». Grandes Ernestos, ambos. Xustizeiros os dous.