A Unión Europea e máis Chile veñen de acadar un acordo político que permitirá a liberalización dos seus intercambios comerciais. A pesca semella que foi un dos sectores que más dificultou chegaren ó Acordo de Asociación. Chile ten una sólida lexislación e unha varuda postura verbo da aplicación do dereito do mar nas súas 200 millas e mesmo mais aló , desenvolvendo o Acordo das Galápagos con outros países andinos, e prohibindo o desembarco en portos chilenos de pesca capturada por barcos europeos mesmo fóra do seu mar. A súa lei de navegación limita a un 49% a participación de capital estranxeiro na propiedade dos barcos. Os mercados da Unión Europea son o destino de máis do 25% das exportacións chilenas. A exportación dos productos do mar a Europa supoñen para Chile uns 325 millóns de euros. A pescada fresca o 25% das exportacións de peixe. O salmón duplicou nun ano o volume exportado á Europa (de 11.000 a 22.000 Tm), o mesmo que o mexillón (2.500 a 4.500 Tm). No acordo hai aspectos verbo do mercado da pesca que permiten entender canto e como se afinou na negociación: a pescada fresca non consegue, o mesmo que os lombos de atún, rebaixas arancelarias sustantivas. En troques o salmón, gravado hoxe cun 15%, acadará o arancel cero en tres ou catro anos. O acordo abre un proceso liberalizador de longo alcance no sector da pesca en Chile, pois permite ós europeos acadar a mayoría da propiedade das empresas a través de joint ventures conxuntas. O sector pesqueiro chileno considera que ese acordo é «deficiente e negativo» para eles. Por parte dalgunha organización pesqueira española tamén se lle puxeron tachas a algúns dos principios que o regulan: «A consideración de producto chileno para todos aqueles productos do mar capturados nas augas das súas 200 millas, independentemente da bandeira do barco que os pesque». Interprétase esta claúsula como a aceptación de dita zona como Mar Chileno . Mais esta consideración ten máis que ver coa interpretación do Dereito do mar, pola súa posible incidencia noutros países, que polo efectos que poida ter verbo dos recursos chilenos, que nas 200 millas considéranse en réxime de plena explotación polos barcos do país, e polo tanto non existen excedentes dispoñibles deses recursos para que entren novos barcos. Fica pois a obxección máis no principio xurídico que en problema efectivo. Caben tamén outras interpretacións a este principio de acordo: ábrese o mar de Chile á inversión europea e ábrense os mercados europeos para os productos do mar de Chile, se ben a diferencia no tratamento arancelario considerando a pescada e o atún como productos sensibeis para a Unión Europea, e non facendo o mesmo para productos da acuicultura, caso do salmón ou mexillon, podería relacionarse có feito de teren os cultivos mariños investimentos europeos dende hai tempo, mentres para a pescada e outros productos de pesca non sucede o mesmo. Equilibrios que abrirán novas andainas no mundo do mar.