Nos anos 80, Ramón Piñeiro, nas súas visitas a Lugo, endexamais deixaba de achegarse a Meilán, nas portas da cidade das murallas, para falar cun rapaz moi novo, case un neno, que alí vivía. Á fina percepción de Piñeiro non lle pasara desapercibido un poeta verdadeiro, de nome Manuel Xosé Neira, que vía na poesía algo transcendente con posibilidades máxicas. En Templo , o poemario máis recente de Neira, aparece de novo o poeta fondo, puro, intenso, sen mistificacións nin faramallos, das súas anteriores obras. Non sorprende que o seu autor se declare admirador do traballo dos ourives, porque, xa se ten dito que a súa poesía ten unha elaboración coma a da talla do diamante, na que o poeta vai desbotando o accesorio para deixar só a esencia. Este libro inspiradísimo, no que, segundo Xosé Miranda, «as súas poderosas imaxes bastan para darlle a Neira un lugar definitivo na nosa poesía», foi posible porque un amigo lle quitou das mans uns poemas que el aínda non consideraba acabados. De non ser así o poeta seguiría a pulir o diamante ata convertelo en po. Neira é poeta das fronteiras, entre Lugo e o campo, dos arrabaldes, que ve morrer os ferreiros e chegar os concesionarios de coches, que vive cunha austeridade moi próxima á ascese, entre a miseria e a riqueza, «entre e o home e Deus, habitante dese deserto que hai que cruzar antes de chegar a Deus, un deserto non habitado por homes, compañeiro da soidade». Como o poeta Vicente Gallego, premio Loewe de poesía, que a crítica vincula coa chamada poesía da experiencia, que traballou de podador, de gogó de discoteca e agora traballa nun vertedoiro de Valencia, Manuel Neira ten unha triste experiencia vital, pois este poeta místico que procura a verdade entre a luz e a pedra, que é un poeta de Lugo, como Luís Pimentel a quen homenaxea no seu Lugo en forma de magnolia , foi labrego, descargador de camións, cenobita e vendedor de lotería polas rúas. Tiña razón Bertold Brecht, estes son malos tempos para a lírica.