XA NINGUÉN ASUBÍA

La Voz

OPINIÓN

X.L. FRANCO GRANDE

20 abr 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Un veciño meu de Tebra, alá no Baixo Miño, dime que a xente deixou de asubiar e de cantar. E lémbrame ó Adosio (o seu nome era Teodosio Cerviño, pero ninguén o coñecía por outro nome que o de Adosio) e o ben que asubiaba e cantaba. Ía traballar á súa casa, que por entón era a dos seus avós, e á noite, cando saía do Casal camiño da Touza e da Maceira, daba xenio oílo asubiar ou cantar. Poñémonos a pensar no que puido ter pasado. O meu veciño insiste: antes a xente estaba máis contenta e era máis alegre. Non tiñan nada. En realidade non tiñamos nada. O Adosio tiña a forza do seu corpo e nós as terras que, con algún xornaleiro máis, nos daban para ir tirando. Pero ter non tiñamos nada. E agora todo o mundo ten o que quere. Pero non ten aquela alegría. Non canta ninguén. E xa ninguén asubía. O meu veciño repasa a vida dos que nos arrodean. E comproba que case todos viven para os prazos do seu coche, da lavadora ou do trebello que sexa, que son moitos. A vida destes veciños en nada se asemella á que facía o Adosio, que andaba ceibe coma o vento. Estes veciños nosos, por forza, teñen que andar tristes: son moitos os prazos que hai que pagar. Agora comprendo ó meu veciño e entendo por que xa ninguén asubía.