CARMEN MUÑOZ: IN MEMORIAM

La Voz

OPINIÓN

XESÚS ALONSO MONTERO

17 abr 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Enterrámola o domingo, en Rianxo, á beira do seu home, Rafael Dieste, que foi o seu gran amor e a súa devoción cultural. Entregouse a Rafael, sempre atenta ó seu respirar intelectual, ata case anularse, ela que estaba dotada, por talento e cultura, para moi importantes tarefas literarias. Pero non as emprendeu. Preferiu ser, a cotío, secretaria, musa, correctora e devota escoitadora das palabras e dos silencios de Rafael Dieste. Carmen Muñoz Manzano naceu en Malpartida de Plasencia (Cáceres) o 14 de maio de 1906, e nesta provincia exerce de inspectora de Primeiro Ensino cando, en 1934, chegan a Valencia de Alcántara as Misións Pedagóxicas, aquel orixinal exército culturalizador que creou a República. Nese exército intelectual, un dos soldados máis preclaros e eficaces chamábase Rafael Dieste. A entrega, a paixón (total) de Carmen Muñoz comenzou en abril de 1934, o día en que as Misións Pedagóxicas actuaron por primeira vez en Valencia de Alcántara. Nun principio, as xentes humildes da localidade, afeitas a entender que os señores só eran os caciques, foron pouco receptivos á presencia e ás prédicas dos misioneiros , con apariencia de señores. Pero, cando, desalentados, os misioneiros ían desistir, ocupa a tribuna Rafael Dieste, quen, superadas as serias dificultades dos tres ou catro primeiros minutos, empeza a engaiolar a aquelas xentes, moitas das cales nunca percibiran como cálidas e útiles as palabras dun intelectual. Entre o público estaba unha pedagoga de 27 anos , que quedou tocada para sempre pola maxia das palabras dun orador, arriscado, a quen nunca vira nin oíra. Esta pedagoga, Carmen Muñoz, moitos anos despois, en 1982 ¿o orador falecera un ano antes¿, contoume polo miúdo o encontro e rematou o seu relato con este corolario: «Y mira, Jesús, al escuchar a Rafael en aquella situación, abrí la boca y todavía no la he cerrado». E, de 1934 a 1981, Carmen Muñoz viviu, de cheo, para a realización intelectual de Rafael Dieste, devoción e entrega non exentas de alienación. Foi lástima, e foino porque Carmen Muñoz tiña talento, sensibilidade e cultura para realizar unha notable obra literaria. En realidade, só escribiu un libro, La Edad Media (Buenos Aires, 1945), pero fixioo pro pane lucrando : cando as circunstancias económicas, no exilio bonaerense, eran moi precarias. Por sorte, editáronse as súas cartas a Rafael, escritas cando, ó final da Guerra Civil, as circunstancias separáronos algún tempo. Co atinado título de Epistolario amoroso , publicounas en 1993 a Biblioteca Galega (de La Voz de Galicia) nunha fermosa edición, coidada e prologada por X. L. Axeitos. Nunha carta, faille saber que «Dios te ha hecho el don de algo más que de un clarísimo talento», e, noutra posterior, confésase tan namorada que cre «que después de Dios, lo más grande, lo más fuerte, lo más noble... eres tú». Cando Carmen Muñoz non falaba de Rafael, admiraba pola súa ponderación, polo axeitado das citas e pola elegancia da súa dicción e da súa oratoria. Eu nunca esquecerei unha intervención, non preparada, en Monterroso, nunha homenaxe a Lorenzo Varela. Foi en 1990. Entre os asistentes, algúns abriron a boca e aínda non a pecharon.