O CINE DESPOIS DE WILDER

La Voz

OPINIÓN

Nos anos 30 e 40 do pasado século, o cine loitaba por ter a categoría que puidese facelo merecente do nome de sétima arte. Nas seguintes décadas, consolidouse gracias ó talento de directores como Hitch-cock, Ford, Lang, Lubitsch, Welles, Hawks e Wilder, que escribiron algunhas das súas páxinas máis brillantes. Os que daquela buscabamos con entusiasmo as obras destes autores, arelabamos a estrea das súas últimas películas e gozabámolas despois repetidas veces, temos hoxe a sensación de que, dende os anos 70, a penas hai unha ducia de filmes que podan provocar estas adiccións. Por iso, para nós, en certa maneira, a morte de Billy Wilder simboliza a do cine, ó ver que o que se segue a chamar así, non é máis que un artigo de consumo, coma a bebida de cola ou o millo estoupado que o acompañan inseparablemente. Antes, para facer unha película considerábase necesario contar, primeiro cun equipo técnico e un equipo artístico, e despois cun aparello industrial que elaborase o producto. Todo iso parece terse reducido a producción industrial e, igual que nese eido, os éxitos son éxitos de venda e están determinados pola distribución e o marketing. Así se entende que películas mediocres teñan uns volumes de recadación que endexamais tiveron grandes glorias da pantalla. Domínase a linguaxe cinematográfica, pero non hai unha historia que contar. Nin guión, nin palabras, só imaxes e efectos especiais. A creatividade do cine está en crise. Faltan ideas, todos son remakes : O planeta dos simios , O Zorro , Pearl Harbor , Titanic , ET , Peter Pan ... Repítense as fórmulas do pasado. A creación está agora nos clips comerciais. Nese anuncio publicitario duns nenos correndo arredor dunha piscina, hai máis suspense que na maioría das cintas que pretenden ter o toque Hitch. Cando Aute pedía máis cine, anque lembraba a Truffaut, podería referirse a eses autores americanos que sempre nos gorentaron, pero non ós comerciantes do celuloide. O propio Wilder expresouno de xeito clarividente, «entón faciamos cine, non negocios».