É ben certo que para coñecer ó Carlos Casares deses días pode bastar ler Xoguetes para un tempo prohibido , pero teño para min que algún aspecto da súa brillante personalidade non está reflexado no libro. Tiven a sorte de coñecer a Carlos moi cedo, cando eu estudiaba 2º ou 3º de mediciña, e él estaba nos últimos anos de filoloxía; eu tiña dezanove ou vinte anos, e él vintetres ou vintecatro. Moviamonos os dous no circulo de estudiantes galeguistas, moi pequeno entón. E Carlos xa era o que logo foi sempre, un tipo afectuoso, simpático a máis non poder, embruxador , e un marabilloso narrador oral. As esmorgas con Carlos eran moderadas. Moitas veces temos quedado na Pensión Touriño da Rúa Nova, onde el nos contaba xa daquela as historias de D. Juan de la Coba e do seu Trampitán, do periodista Julio Gimeno, que era agnóstico pero que aseguraba que se lle aparecía a Virxe de Fátima ó saír da redacción de madrugada, e que tiña un anxo debuxado no ceo do paladar. Logo era capaz de repetir en orden diverso e cambiante un longo listado de verbas ¿el dicía que podía repetir un número infinito¿, que antes lle diciamos, previa posta en escena que consistía en deixar encendido un flexo, poñéndose él de xionllos coa cabeza apoiada nunha cama e tapado cunha toalla. Tamén afirmaba con absoluta seriedade que apagaba as farolas da Ferradura cando quería; aínda que non o crean, eu téñolle visto facelo nalgunha madrugada de maio. Juan Cruz escribiu hai xa uns anos que Carlos era o mellor narrador oral de Europa. A verdade e que non sei como se pode saber eso, pero seguro que era un dato exacto.