XOSÉ L. FRANCO GRANDE
30 mar 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Por unha vez estou de acordo co bo do Saramago: «dialogar uns para excluír a outros pode pagarse moi caro». Todo ten solución, incluído o terrorismo, e a única forma de atopala é o diálogo. Pois claro, iso é que lle estamos a dicir cada día a Arafat e a Sharon, e a moitos outros. E non se entende por que a uns se lles recomenda o diálogo e a outros se lles nega. Os nosos políticos non son tan cándidos como parece que dá a entender Saramago; saben moi ben que esa verdade é manifesta. Poida que el o que non saiba tan ben é que eles son máis recadadores de votos ca verdadeiros políticos. E, por iso, máis dunha vez dixeron que esa maneira de facer política pode ser pouco rendible no País Vasco pero que con ela arrasan fóra del. As acostumadas frivolidades. Por unha vez penso que ten razón Saramago e non Arzalluz nin o ínclito Savater. Coido que vale a pena pensar no que tamén dixo o primeiro: que aínda refugando a política de Batasuna, non se pode esquecer que representa a unha boa parte do pobo vasco, e que á hora de dialogar non se lle pode excluír. Unha democracia que se nega ó diálogo en nada se diferencia dos non demócratas que tamén o negan. E xa coñecémo-lo resultado de levar máis de corenta anos eludindo o diálogo: a incapacidade para resolve-lo problema.