VÍCTOR F. FREIXANES
28 mar 2002 . Actualizado a las 06:00 h.O discurso histórico da modernidade en Galicia, que non vén de agora, senón de douscentos anos atrás, pasa pola articulación do país nunha unidade de estudio, planificación e representación: unha idea común, capaz de harmonizar os distintos intereses locais, parroquiais ou comarcais arredor dun proxecto único, ilusionante, compartido. Un dos grandes esforzos intelectuais e políticos do galeguismo está aquí: Galicia coma un todo, non un conglomerado de tribus locais, aspecto fundamental para afrontar con garantías calquera proxecto de futuro. A cuestión, ben se ve, segue pendente. En diferentes momentos, outras sociedades fórono resolvendo á súa maneira. O modelo máis común foi o francés, producto en parte da Ilustración, centralizador e radial (París), que a revolución industrial, alí onde se producíu, ou a estructura dos vellos imperios fortaleceu en parte: Barcelona para Cataluña, Londres para Inglaterra, Madrid para España, Dublín para Irlanda, Viena para os austriacos... Os primeiros galeguistas (os provincialistas de 1846) queixábanse da inexistencia dunha gran cidade galega, ¿coma Barcelona¿, dicía Antolín Faraldo, que fose quen de liderar ese proxecto integrador. A Coruña puido selo no seu momento. Santiago tamén, á súa maneira. Brañas, Murguía, Antón Villar Ponte, Vicente Risco, Castelao, dun xeito ou doutro, abordaron este problema intentando distintas solucións, case sempre teóricas. A realidade, tozuda, deixounos sempre a metade de camiño. O momento histórico do modelo da cidade única , motor hexemónico da vertebración do país, pasou por nós sen callar de todo, en parte por inmadurez interna (ausencia dunha burguesía suficientemente forte e segura de si mesma), en parte pola configuración histórica do país, e en parte pola nosa dependencia subsidiaria de intereses externos. O debate segue aberto. A política universitaria, a xestión dos recursos financieiros, as comunicacións, a planificación de infraestructuras básicas, a organización do territorio, etcétera, plantean a cada pouco o problema, sen que sexamos quen de abordalo a fondo, xa non con xenerosidade (que tamén) senón con intelixencia. A liorta do AVE estes días é un capítulo máis, como o foi o da capitalidade no seu momento (que non cerrou as feridas). ¿Cantas orquestas sinfónicas? ¿Cantas caixas de aforro? ¿Cantos polígonos industriais? ¿Cantas facultades universitarias co mesmo título? ¿Cantos pazos de congresos? ¿Cantas varonías particulares? ¿De verdade maduramos algo nestes vinte últimos anos? Hai outras formas de vertebración. Os Estados Unidos de Norteamérica, por exemplo. Ou a Alemaña, por poñer dous casos poderosos. Fronte ó centralismo da urbe única, a pluricentralidade configúrase como a fórmula dos novos tempos. Pluricentrismo, e en certa maneira, especialización. Frankfrut non é igual ca Colonia. Nova York ten o seu papel específico, diferente (e sen embargo complementario) ós de Washington, Chicago ou a costa de California. É nesta dirección na que deberiamos camiñar, con imaxinación, con visión de futuro, e un bota de falta nas organizacións políticas (e nos pensadores orgánicos das mesmas, ¿por qué non?), o discurso necesario que alumee ese camiño. Vivimos a curto prazo, sobrevivimos, caneando na área e ollando con desconfianza ó contrario, que é o noso veciño e debería ir no mesmo barco. Encirrámonos na nosa pequena leira e, mentres tanto, a Historia corre e non agarda por nós.