Os libros de historia, cando eu era rapaz, falaban moito daquel Fernández de Córdoba, paladín nas guerras de Italia, pois disque non lle saían as contas. Cando os banqueiros e algúns políticos da Coroa lle pediron explicacións do elevado custo das súas campañas, o militar, con ese arrauto que tradicionalmente se lle atribuía á xente de armas, contestou dicindo que el estaba alí para gañar batallas, non para administrar diñeiros, e que se a alguén non lle gustaba a súa xestión non tiña máis que dicilo que se volvía para a casa. E dixéronllo. E volveuse. Non coñezo as contas do conselleiro Cuiña, responsable dende hai anos da política de obras públicas neste país. Agradézolle de corazón este trasacordo último de non penalizarnos con peaxe de transporte ós cidadáns que traballamos en Compostela e vivimos fóra da cidade. Hai algúns anos que son veciño de Brión. Pertenzo a eses varios miles de galegos que, na procura dunha mellor (ou distinta) calidade de vida, cando non por estrictas razóns económicas, decidiron establecerse nas periferias dos grandes núcleos urbanos. ¿Saudades do rural? En absoluto. Nacín e crieime na vila. Vivín toda a miña vida en espacios vilegos, algúns de varios millóns de habitantes. Teño mentalidade urbanita e entendo que o discurso da modernidade pasa pola cidade. Mais tamén creo, porque algo viaxei, que este país (Galicia) ten outras posibilidades e que, se sabemos xogalas, poden convertirse nese «valor engadido» do que tantas veces falamos e que non sempre damos concretado. Os modelos de desenvolvemento xa non son os do século pasado. O vello modelo era entón a concentración industrial (a gran siderurxia): moitos peóns apretados en pouco espacio, maquinaria pesada, elevada contaminación, mercados inmediatos. O novo modelo está na Rede: descentralización, axilidade de movementos, mercados abertos, capacidade para desplazarse con axilidade, información... A idea da cidade-xardín que pregoaban os vellos galeguistas resulta máis avanzada e posible do que parece (e máis moderna). En certa maneira, a pouca planificación que tivésemos, hai tempo que podía estar en marcha. Ames, Brión ou Teo son Santiago. Igual que Mos, Redondela ou Nigrán son Vigo (sen merma da identidade de cada quen). E Oleiros, Culleredo e Arteixo, A Coruña: espacios complementarios, novas áreas de relación e servicios, zonas de crecemento que cómpre harmonizar cunha visión estratéxica de conxunto, non inmediatista, nin especulativa. ¿Imaxinan en Madrid unha M30 de pago? Era escandaloso o que se nos estaba a propoñer. Este cronista ten unha vella teima cos diñeiros da Unión Europea, que seica rematarán no 2007. O obxectivo estratéxico de tales fondos era investir na compensación das diferencias existentes entre as zonas máis atrasadas e as máis desenvolvidas da UE. A reconfiguración (áxil, moderna) dos espacios de habitación humana, forzados polos inevitables cambios da contemporaneidade, debería ser unha das prioridades deste modelo. Mais alguén empeza a dicirnos agora que os diñeiros se acaban, que xa todo está comprometido ata o 2006, que a débeda pública empeza a ser especialmente grabosa, e iso é o que explica a idea da peaxe (da que, afortunadamente, determinaron volverse atrás), non outra cousa. Acabouse o miragre. A historia dá unha oportunidade cada cen ou douscentos anos. ¿Soubemos xestionala? Se non é así (e alguén debería esixir explicacións no Parlamento, que non son incompatibles coas boas maneiras e a educación), non quero nin pensar no que lles ha tocar ós que algún día teñan que administrar a casa cando xa nada quede por empeñar e aparezan os bancos a reclamar os pagos. ¿É isto o que se nos anuncia? ¿Quen lle pedirá contas daquela ó señor capitán?