ISAAC DÍAZ PARDO
17 mar 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Oriente Medio é un lío de pobos, un cruce de razas e de credos. Tamén de intereses alleos a ese lío. A orixe de Palestina ven de Oriente, dos filisteos, pobos que en 25 séculos antes de Cristo pérdense na historia. Judea era unha rexión de Palestina entre o Jordán e o Mediterráneo, onde se sitúa o corazón do pobo xudeo, aínda que os xudeus sitúan a súa chegada, 3.000 anos antes de Cristo, procedente de Exipto, para se asentar na terra de Canaán, como a terra prometida pola súa fertilidade. Foi rexión vasala de Roma, e polo ano 135 da nosa era o pobo xudeu dispersouse polo mundo adiante. Unha das terras nas que se asentou foi na España. Na Galiza deixáronnos boas pegadas. A raíña católica Isabel, esa que agora queren canonizar, botounos fóra, e eles onde se foron a asentar de novo mantiveron unha gran saudade pola terra da que os botaron. Sepharar, é España, para os que coñecemos como sefarditas, que aínda manteñen o castelán antigo. (Suponse que Doménico Teotocopuli, o Greco, era un sefardita que se veu a asentar no Toledo da nostalxia herdada da súa familia). A principios do século XX os xudeus andaban espallados pola face da terra. Na Palestina ficaran algúns grupos adicados a labores do campo. Empezaba a despertar o designio da identidade. O acaudalado Edmond Rothschild, xudeu alemán asentado nos EE UU, onde hai moitos xudeus, financiou o desenvolvemento destes enclaves agrícolas, que serían, cando xa Israel era un Estado, o antecedente dos kibbutz, que se coñecen como un exemplo de explotación racional. O pobo xudeu, moi laborioso e intelixente, mantivo vivo ao través do tempo e da diáspora as súas características como pobo diferenciado, coas súas tradicións. O nazismo fixo con el a masacre que se coñece, e no mundo ficou unha conciencia de culpabilidade dese exterminio. Rematada a Segunda Guerra Mundial, as nacións que a ganaron, logo de moitas vicisitudes, lograron crear na Palestina, colonizada por Inglaterra, o Estado de Israel, ao mesmo tempo que unha serie de conflictos e guerras cos países árabes.. Mais a historia ten por baixo outra historia, que é a que non nos contan. As compañías petroleiras anglo-ianquis, viron, axudando a Israel, un aliado que serviría de base, como unha cabeza de ponte, para observación e intervención para se asegurar a riqueza do combustible fósil do Oriente Medio, en países árabes. Quedan na historia os nomes das compañías: British Oil, Iraq Petroleum, Anglo Iranian, Turkish Petroleum, Basrah Petroleum, Arabian Oil..., que hoxe teñen nomes máis disimulados, máis medios e outros mares para explotar outros campos de petróleo, aínda que xa desde Israel cun radio de mil quilómetros cobren todo o Iraq. O pobo xudeu defende o seu aproveitando a coiuntura, sen decatarse de a quen está servindo, e xentes da catadura de Sharon cumplen a función de asasinar ás cabezas do pobo palestino e masacralo, por conta dos intereses das petroleiras norteamericanas. Mentras nós os europeus mantemos un silencio cómplice de exterminio dese pobo para asegurar intereses comerciais.