BENIGNO PRADO
17 mar 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Hai mitos que é preciso desmitificar. Por exemplo, o do que Carlos Casares se inventaba as anéctodas. O Carlos, de prodixiosa memoria, gravaba canto vivía ou ouvía. Seino porque mo conta Lezcano, que compartíu moitas con el, e outras eran do acervo inesgotable do intelixente barojista ourensano Julito Losada, benquerido común amigo. Aló polos primeiros anos dos sesenta, uns coñecidos convidáronos a asistir ao acto fundacional dun grupello máis ou menos cultural. Pois ben, comentándoo con don Vicente Risco, -sempre intelectualmente novo- este decidíu acompañalos a esa xuntanza. Aberta a sesión, un orador destemido citou movimentos de moda no mundo daquela, así a nouvelle vague «que, como sabedes -perpetrou impertérrito- significa nova bágoa». O Carlos e mais o Lezcano ollaron de esguello ao Risco, que se limitou a baixar a cabeza e bater no solo co pé dereito. Ao saíren, os dous mozos non sabían como se desculpar co mestre. Mais este díxolles sinxelamente: «Rapaces, paseino moi ben entre tanto parvo». Cando recordaba a anécdota o Casares sempre remataba con esta expresión tan súa: «¡Qué disparate!».