LAICISMO NECESARIO

La Voz

OPINIÓN

14 mar 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

O Estado español non é laico. De elo non podería manter colexios católicos concertados , pagados polos fondos públicos, cos cartos da cidadanía. Que, agora, o alumnado árabe se negue a asistir a eses colexios é totalmente coherente. Unha mociña musulmana argumentaba a negativa así: «Os meus irmáns pequenos teñen medo do crucifixo». Comprendémolo. Haberá que recomendarlle que non se adentren, confiados, polas rúas dos pobos portugueses. Truculencias aparte, se existen colexios católicos concertados, se nas escolas públicas se imparte a asignatura de relixión católica, xusto será que os milleiros de islamitas que habitan o país reclamen o dereito a incluír a súa fe por razóns de igualdade. Daquela, que a Constitución española non sexa laica ten como consecuencia que o goberno actual se vexa obrigado a permitir, e a pagar, o ensino islámico nos centros públicos. Cousa distinta sería de ser este un estado laico onde nas aulas só se transmitise o saber acumulado pola ciencia humana durante séculos para seguir avanzando e mellorando no futuro; un estado onde a práctica relixiosa fose un asunto privado, e onde as prerrogativas para recibir instrucción no credo que se queira, se imparta en colexios privados, pagados polos interesados e non pola contribución colectiva. Tanto a xerarquía católica como os gobernos que consentiron os tratados con ela, encóntranse agora con algo que, tal vez, non lles agrade: o estado debe subvencionar o estudio do Corán. Isto será perigoso. As relixións son focos de odios, violencias, intransixencias e guerras. Temos moi presentes os exemplos: Afganistán, o conflicto de Palestina e Israel, os enfrontamentos salvaxes entre musulmáns e hindús na India, etcétera. Lembramos tamén a virulencia do catolicismo dominante neste país nos anos da dictadura. Non temos ningún argumento para demostrar que a relixión católica sexa menos perigosa. Pero, sen dúbida, na actualidade, ten moita menos autoridade e menos creto entre a xente nova. Por práctica docente sei que o alumnado ten unha ignorancia total en materia relixiosa, descoñecen os mandamentos, o libro sagrado e as súas historias e personaxes; tanto é así que me vexo, en ocasións, obrigada a informar sobre eles nas aulas, para a comprensión de moitas obras literarias nas que son citados. A relixión está ausente das súas vidas e da súa preocupación. Queda para os ritos, as cerimonias, máis como espectáculo que como asunto de conciencia. Moi diferente será o caso dos milleiros de persoas adoctrinadas no integrismo islámico que defenderán as súas crenzas con máis forza, por oposición ás dos dirixentes occidentais, e que incluso farán proselitismo nas criaturas desorientadas e desencantadas desta sociedade de consumo. Cabe esperar que se propaguen as mentalidades fanáticas entre a poboación española e isto é moi preocupante. Fixémonos nos talibáns recluídos en Guantánamo. Mentres varias voces e institucións do mundo se alzaron para reclamar que fosen tratados de acordo cos dereitos humanos, eles só fan folga por non lles permitiren o uso do turbante para a oración. Terrible fanatismo relixioso. Por iso, agora que tanto se fala de reformar a Constitución, sería urxente unha adaptación no sentido laico e unha revisión de certos convenios coas autoridades relixiosas. Fronte ao irracionalismo sectario, o estado laico debe garantir o raciocinio moral para as futuras xeracións. A ética debe ser interpretada como unha conducta para un consenso máis sabio e duradeiro.