CASARES NA LEMBRANZA 2

La Voz

OPINIÓN

BENXAMÍN CASAL

10 mar 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Coma moitos, eu buscaba nestas páxinas, todas as mañás, o recanto de Carlos Casares, que despois de tantos anos en La Voz de Galicia viña a ser un dos seus sinais de identidade. Dende a mañanciña do sábado sei que xa non poderei volver a facelo. Xaime Isla deume a nova, e, aínda que o fixo con total suavidade, caeume enriba coma un lóstrego. A miña vella amizade con Casares iníciase arredor da famosa mesa camilla. Ramón Piñeiro non só nos presentou, senón que tivo moito interese en que foramos amigos. Expresouno moi ben o propio Carlos cando, en 1991, xa falecido Piñeiro, me dedicou o seu libro sobre el dicindo: «Estou seguro que poucas alegrías máis grandes podería recibir Ramón que esta de ver como eu firmo un libro sobre el para ti». Certamente non foi difícil que chegaramos a ser grandes amigos, pois Carlos moi rapidamente engaiolaba co seu carácter aberto e cordial. Tiven o privilexio de disfrutar horas e horas coa súa conversa, sempre chea de atractivo calquera que fose o tema que tratase, de admirarme da súa extraordinaria facilidade para escribir os seus Á marxe que tantos seguidores tiñan e sobre todo de compartir con el ideas, proxectos, esperanzas e ilusións postos neste país.