DEMO, GORDO OU DELGADO

La Voz

OPINIÓN

Unha amiga preguntoume onte se o demo era gordo ou delgado. Tardei en decatarme de que se estaba referindo a un artigo que escribín o outro día, no que dicía que Satanás era barrigudo. A verdade é que non o sei nin penso que o saiba ninguén, aínda que hai xente que asegura que estivo no inferno. Os que afirman tal cousa coinciden en dicir que é feísimo. Un frade francés que andou por alá pintouno con cara de dragón e unha santa que agora non recordo como se chama, viuno con aspecto de sapo, cos ollos enormes e brancos, botando lume pola boca e polas orellas. Case todo o mundo o describe con cornos e con rabo. Respecto da color, é negro. Esto é todo canto podo dicir, pero nada respecto de se é gordo ou delgado. Supoño que os haberá de moitas clases, sen embargo. Digo esto porque demos existen moitos, pois naceron dunha rebelión dos anxos. Os xudeus cren que antes da rebelión había trescentos un millóns, seiscentos cincuenta e cinco mil, cento setenta e dous, e que aqueles que acabaron no inferno foron unha terceira parte, máis ou menos. Hoxe podería facerse un cálculo cos ordenadores. Don Vicente Risco, que sabía moito destas cousas, tiña a opinión de que para imaxinar ó demo bastaba con imaxinar a un anxo e poñelo todo do revés. Por exemplo, se os anxos son brancos, os demos serán negros. Se fermosos aqueles, estes feísimos. Se ben perfumados, cheirando a podre; se delicados, brutos; se ben falados, blasfemos; se bos, malos. E así, o resto. Polo tanto, como non podemos imaxinar ós anxos gordos e tripudos, a non ser de nenos, senón delgados e finos de figura, a conclusión parece bastante lóxica: os demos son gordos. E Lucifer, o rei de todos eles, un auténtico bazuncho. Por eso dicía eu que se parecía a Ariel Sharon.