LOURENZO FERNÁNDEZ PRIETO
05 mar 2002 . Actualizado a las 06:00 h.¿Nin Teo é Oleiros? Na recente polémica sobre o chamado feismo arquitectónico, curiosa pola rareza destes debates sociais entre nós e prometedora pola luz que albisca, fican muitos puntos de vista por seren apresentados. Arquitectos, urbanistas, xuristas, políticos, algúns economistas, expoñen as súas análises, pero fican muitos argumentos por apareceren, en especial os dos xeógrafos, historiadores, antropólogos e outros con opinións fundadas dende diferentes perspectivas. As máis importantes razóns, as do partido do cemento e o chapapote, son as únicas que aínda non se presentaron, por máis que o seu punto de vista sexa ben coñecido pola vía dos feitos. Nunca me resultan convincentes os seus argumentos, nin siquera cando algún amigo do ramo mos explica coa boca pequena, pois non é por acaso que sempre son máis privados que públicos. Non obstante a desfeita xeralizada de muitas das nosas vilas, o abandono de muitos centros urbanos e a sostida desfeita da paisaxe, aínda restan modelos reconfortantes. En Galicia hai unhas cantas vilas e concellos paradigmáticos do bon facer, que todos salvan da queima do feismo e a especulación destructiva e aínda poñen como exemplo. Son os concellos premiados, citados sempre e loubados de cote como exemplo para os demais. Repasémolos, comparemos e preguntémonos onde reside a diferencia, como método simple de indagación para tirar algunhas conclusións. Entre as cidades, Santiago é, indiscutiblemente, o campo das estrelas urbanísticas, como debían e podían selo Ferrol ou Lugo, e, non digamos, Ourense e Pontevedra. Das nosas grandes cidades empeza a salvarse da queima A Coruña, e non podemos imaxinar siquera cando Vigo poderá ser exemplo de urbanismo, pese á súa oportunidade histórica (co Plan Palacios) e á súa galanura xeomorfolóxica (da súa ría). Nos concellos periurbanos, Oleiros é a xoia da coroa por decisión unánime, ao gañar a fama que están a buscar Narón ou Poio, a mesma que está a perder Brión e, en senso contrario, gañan Teo e Ames. Perdoen o percorrido pero o territorio non remata ao fronte da casa do concello. Entre as vilas históricas, aquelas que como Mondoñedo ou Noia teñen máis posibilidades de presente e de futuro, escollemos a comparación entre Ribadeo e Allariz. A segunda no podio indiscutible das xoias urbanísticas galegas. A primeira podía estalo, non lle faltou ren, pero saíu despedida do ranking. ¿Ulo a diferencia entre ambas? Comecemos polas semellanzas. As dúas son vilas históricas que comparten a condición de cabeceiras comarcais na contemporaneidade. Politicamente teñen orientacións semellantes, pois ambas tiveron nos últimos quince anos alcaldes do PP e do BNG. Mais aquí rematan os paralelismos. Allariz era unha vila abandoada do interior, desindustrializada e con escasa presión constructiva. Ribadeo, un núcleo mariñán de crecente importancia como cabeceira comercial dunha comarca galaico-asturiana beneficiada do pulo gandeiro. De aí que veña sendo nos últimos anos a ubicación escollida para a localización de talleres, centros comerciais, que o seu porto comercial incremente o seu tráfego, ou mesmo que se construira un pequeno aeródromo. Porén, carece do polígono industrial programado hai xa unha década, o que fai que as instalacións industriais vaian escagallándose (literalmente) pola periferia ou no medio das explotacións agrogandeiras, cun desconcerto propio da peor especulación desenrolista. Non por acaso, senón porque a venda de terra e a construcción están a converterse nunhas das principais industrias locais. Mentres, o casco histórico segue caendo coa mesma lentitude irremisible que hai vintecinco anos, desde que o actual goberno deixou morrer un PEPRI xa aprobado sen alumear alernativa algunha. ¿Ulo a diferencia, pois? Na disciplina, na xestión. Galicia está chea de alcaldes de Teo, pero a responsabilidade non é só municipal. Como ven de decir o doutor D. Bello, sobra normativa para evitar a desfeita, chegaría con aplicala. En calquera caso seguimos agardando por un concello de urbanismo modélico gobernado polo PP. Sería, esa sí, a garantía de que algo muda de verdade. Rematar co « ti vai facendo...».