GRAN SOL

UXÍO LABARTA Biólogo do CSIC

OPINIÓN

«Esta é a nau, a nau do home, ventre amador que sulca na mar brava». Gran Sol feito literario: Rivas, antes Aldecoa. Gran Sol, vida: « Coño, e eu, ¿que vivín coa familia?». «Non se pode ir aburrido e vir aburrido». Reflexións de viva voz dos homes do mar , reportaxe O Gran Sol no Canal + . Homes de mar falando có cazón recén pescado, mentres o cazón resiste ó coitelo e ó home, mesmo como os de terra falan cando andan coas vacas.Tenrura e poder. Silencios na noite e soidades. Gran Sol, alcouve do que foi sendo despois na pesca. Comezo e ensaio da pesca galega dos mares de lonxe. Aló polo 1925 chegan as bacas e parellas galegas ó Gran Sol, antes tamén ó norte de África. Abrindo caladoiros e mercados. Ensaios de internacionalización da pesca, experiencias da empresa pesqueira integrada coa comercialización. Tentos de rendabilizar as mareas con desembarcos en Inglaterra ou Irlanda. Co pulo que lle da o ferrocarril pero sobre todo coa aparición dos vagóns frigoríficos,nos mesmos anos vinte, prodúcese a expansión dos mercados interiores de peixe fresco e xunto deles a da pesca. A partires de aí troco no réxime alimentario: Francia grande consumidora de peixe naqueles anos vai perdendo posicións ata chegar a hexemonía que hoxe ten España e Portugal no consumo de peixe no conxunto europeo. Traballo duro e dura vida para aqueles homes. No Gran Sol comezou o cambio no sistema de remuneración propio ata entón da nosa pesca. Tamén alí, xa cando as 200 millas, é onde se vive de primeiras o que viría despois noutros caladoiros e pesquerías: Reducción de flota, licencias, tope de colleitas, compra e venda de licencias... Todo elo con homes do mar como os que aínda hoxe seguen a ir. En condicións abondo mais duras que arestora, con esforzos propios dunha épica mariñeira. Capacidade e habilidade. Sufrimento e soidade. Cartos que non había noutros sitios, traballo e traballos. A dimensión da flota Construíron, xunto cós emigrantes, un país. Empezou todo alí no Gran Sol, tamén no norte de África. De feito non foi ata 1954 cando a flota galega volveu a acadar a dimensión que tiña no 1919. Aló non anos 80, século XX, Galicia tiña un mariñeiro cada 74 galegos. Agora andaremos nun cada 100. Os mariñeiros galegos deixan de naceren en Galicia. «Este é un oficio digno, e ademais ten moito mérito». «Si puidera quitalo do mar quitábao, pero creo que non se retiraría do mar». «En terra non me acostumo, outra cousa non sei facer». Entre a fame da terra no interior e o mar vizoso de tempo atrás, a mellora na vida de arestora vai facendo perder ó mar épica e mito: «Coño, e eu, ¿que vivín coa familia?». Madia leva si é para ter mágoa delo. Habendo traballo, claro.