OUTRO GOLFO

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES

26 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Lin o outro día nos periódicos que unha filla de Salinger, o célebre escritor americano, acaba de publicar un libro no que pon ó seu pai de chupa de dómine. Como se sabe, este señor leva máis de cincuenta anos escondido, negándose a ser entrevistado nin retratado nin sequera mirado. De cando en vez, na pequena aldea de Cornish, New Hampshire, algún moscón dos miles que acoden cada ano a ver a este deus oculto, sae trasquilado só porque descubriu ó escritor saíndo da casa, agachado no seu jeep , camiño da oficina de correos ou do supermercado. Salinger lánzalle unha mirada asasina ou dálle uns berros ou denúnciao á policía. Desde que en 1951 publicou The Catcher in the Rye (O vixía no centeo , segundo a versión galega), novela que leron e seguen lendo todos os adolescentes americanos, J. D. Salinger converteuse nun recluso voluntario. Só se fala del cando lle pon un preito a alguén. E leva postos uns cantos. O próximo será, con toda seguridade, o da filla, polo libro que acaba de publicar. Ningún biógrafo se librou ata agora da súa furia inquisitorial. Hai anos que leo todo canto libro sae sobre J. D. Salinger e cheguei á conclusión de que é un golfo. Cun talento admirable conseguiu converterse no máis potente mito vivinte da literatura americana, por non dicir da mundial. Sen publicar nada desde hai moitísimo tempo, ocupa un lugar de primeira fila no panorama literario internacional, xusto ó revés (¿ou ó dereito?) do que aseguraba pretender co seu afán de anonimato. Confeso que non son o único en pensar unha cousa tan evidente. Estou en compañía de George Steiner, un dos intelectuais de máis prestixio no mundo actual. Claro que tampouco fai falta ser un sabio para velo.