O DEDO E O DENTE

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES Á MARXE

24 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

A estas horas xa debeu chegar a Taiwan o dedo de Buda que lle prestaron os chinos ós monxes deste país, onde vai permanecer exposto durante varios meses. O que non se entende ben é por qué as autoridades comunistas da China non llo regalan, pois elas non cren nesas cousas. Con todo, o xesto do préstamo está ben e revela unha actitude positiva e amistosa. Algo está cambiando en Pekín. O ano pasado, por exemplo, uns arqueólogos atoparon unha caixa de ouro cun cabelo de Buda e non a abriron por non destruílo, eles que levan esnaquizado tantas reliquias, sobre todo as que teñen un carácter claramente relixioso. Eu alégrome de que os monxes budistas de Taiwan poidan dispoñer do dedo de Buda, aínda que sexa como préstamo. Hai pouco aínda tamén conseguiron un dente, pero este xa en propiedade, traído en avión desde Bangkok. Estanlle construíndo un templo. Desa maneira será o segundo que existe no mundo, pois xa hai un Templo do Dente en Candi (Ceilán). Na China gárdase o terceiro dos dentes de Buda, pero neste caso exposto nun museo. Se a esto engadimos os oito cabelos do personaxe que se custodian en Shwedagon (Birmania), temos completados os lugares máis sagrados do budismo. En Río de Janeiro eu vin unhas cinsas que quedaron despois da cremación do home, pero deume que eran falsas. De maneira que en Taiwan deben estar de festa con motivo da visita do dedo. Debiamos sentirnos contentos. Digo esto porque cando recibiron o dente, hai anos, os budistas de Taipei pediron a todo o mundo que exercitara o que eles chaman As Tres Boas Accións: dicir boas palabras, realizar boas obras e ter bo corazón. Non está nada mal nestes tempos.