CHUPAR DO BOTE

La Voz

OPINIÓN

MANUEL REGO NIETO

22 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Nos tempos aqueles en que soñabamos con rexenerar a política, cadaquén botaba as súas sentencias e a democracia que ía chegar sería unha marabilla. Tóda-las corrupcións desaparecerían; o terrorismo sería un mal soño para non lembrar. Ben, aqueles desexos limpos, logo se foron facer gárgaras porque emerxeu unha clase política que nunha boa parte deixou, e aínda deixa, moito que desexar. Agora os principais partidos vascos que compoñen o Parlamento tomaron a decisión unánime de se pór unha xubilación que lles permita vivir con certo benestar, unha vez que deixen a función pública. Até os socialistas, que supostamente son de esquerdas, esqueceron a defensa dos valores do pobo cara á internacional do diñeiro. Aínda que logo deron marcha atrás, ao saírselles os colores... Lembreime daquel amigo, socialista e masón, co que fixen unha viaxe a Portugal nos primeiros comicios democráticos. Como tardaba en baixar da habitación, rubín axiña por si lle ocorrera algo de noite. O benquerido home de esquerdas desaiunaba a base de ben: café pasteis, fiambres. Ao reprocharllo, espetoume: «Mire, amigo Rego, estas son as cousas boas do odioso sistema capitalista...».