UN ANTICIPO

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES

17 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Estiven lendo esa noticia que viña onte no periódico, dun señor a quen mataron a golpes no cárcere, no estado norteamericano de Florida, sen que ata agora se coñeza o nome dos culpables. Un xurado popular acaba de absolver a un grupo de policías que estaban acusados de darlle unha malleira salvaxe, á consecuencia da cal lle partiron todos os ósos do corpo e lle causaron a morte. Ignoro outros detalles, pero resulta escandaloso que un preso poida morrer nesas condicións sen máis, como se non pasase nada. Hai, sen embargo, unha circunstancia que convén sinalar para entender mellor: o morto estaba condenado a morte. Non é o mesmo matar a un home normal que a un home que, despois de todo, vai ser apiolado. Neste segundo caso, só se trata de anticipar uns días ou uns meses o que xa está decidido: acabar con el por medio dunha inxección letal ou da silla eléctrica ou da cámara de gas. É certo que o reo perde uns días de vida que lle correspondían, pois as sentencias marcan as datas con precisión, incluídos os minutos, pero tampouco é para tanto. Anticipar a visita do verdugo debe ser algo parecido a darlle un calmante a un moribundo ou levar a un can ó veterinario para que lle adiante a morte cando está nas últimas. Supoño que todo esto pode explicar as partes máis incomprensibles dunha noticia tan rara como esta. Os norteamericanos, en xeral, son tan afeccionados á pena de morte que non creo que se preocupen demasiado porque un preso sentenciado a morrer o faga cuns días de antelación, a mans dun pelotón de policías furiosos. Claro que en todas partes cocen fabas. Aquí, entre nós, tamén absolveron unha vez a un violador por violar a unha prostituta.