DISFRAZADO DE KGB

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES

15 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

De todos os disfraces que vin o outro día en Xinzo de Limia, o máis extravagante levábao o meu amigo Benxamín da Forxa. Ía vestido cunha gabardina tipo Humphrey Bogart, con moitas trabillas, lucía un nariz de pega, estilo pemento morrón, e portaba un maletín de man, modelo executivo. Camiñaba moi dereito, cunha cara de dignidade absoluta, como de fidalgo ferido no seu amor propio, mirando todo serio á xente que observaba o desfile desde a beira da rúa. Nada máis verme cos meus amigos, botou unha carreiriña, situouse diante de nós e case sen saudar, como levado por unha urxencia, pousou a maleta no chan e abriuna. Había que ser todo un experto na época da clandestinidade antifranquista para saber que aquela especie de pano escuro, cheo de tinta, e aquel artefacto con rodillos que se vían alí dentro, era o que daquela se chamaba unha vietnamita, é dicir, unha multicopista rudimentaria para confeccionar panfletos e octavillas. Ter un daqueles artiluxios na casa, caso de ser descuberto pola policía, podía mandar a un seis anos ó cárcere. Ademais da multicopista, o Benxamín levaba na maleta varios panfletos revolucionarios, daquelas agrupacións que estaban á esquerda do Partido Comunista e que supoño que xa non existen. De feito, a circunstancia de que este home os convertese en obxecto de entroido, así parece indicalo. Pensar que algún día alguén puido perder a liberdade por estas cousas, semella un disparate, sobre todo contempladas desde a alegría rebuldeira dun martes de carnaval. Un deles, o Casto Cabezas, tío do home do maletín, que pasou bastantes anos en prisión e que forma parte dos tipos lexendarios da miña infancia. Mañá falarei del.