BEMXAMÍN CASAL
15 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Aínda ecoaba o balbordo ocasionado pola publicación do Anuario Social 2001 de La Caixa, cando se deron a coñecer os resultados do último informe sobre a cohesión económica e social da UE, que reflicten, dende o ano 1996, un estancamento do PIB galego, arredor do 63-64% da media comunitaria. Afortunadamente, esta mala nova ten no seu reverso a boa de que Galicia seguirá a recibir fondos estructurais ata o ano 2012, pero dela tamén se deduce que non temos acertado cos investimentos feitos ata hoxe, xa que o crecemento non foi de abondo como para conseguir a converxencia coas medias europeas. É preciso, pois , escoller con coidado, tanto os sectores ós que haberán de aplicarse os investimentos, como as zonas nas que han de facerse. Non parece aventurado dicir que fracasaron os criterios que se viñan utilizando para decidir o destino dos fondos europeos. Non pode un fiarse do conselleiro máis listo, do que ten máis apoios políticos ou do que lle cae mellor ó presidente, para establecer a qué sectores se han dirixir prioritariamente as axudas comunitarias. Nin se poden decidir os lugares onde se deben materializar os plans, en función da maior sintonía política cos alcaldes e do seu capricho inversor. Racionalidade Se non se quere perder de novo a oportunidade, de aquí ó 2012, hai que facer as cousas con maior racionalidade. Por moita capacidade de observación que se lle atribúa ó presidente da Xunta, non resulta razoable pretender descualificar as análises do Eurostat cos testemuños de dúas visitas súas a Carballo. Cómpre partir do coñecemento da nosa realidade socioeconómica derivado dos estudios máis respectados e solventes e contar coa opinión de empresarios, traballadores, universidades, colexios profesionais.., concertando as liñas básicas do plan, non soamente cos partidos da oposición, senón tamén con amplos sectores sociais a traveso das súas correspondentes institucións representativas. Claro que, se os técnicos oficiais e oficiosos seguen a facer un uso excesivo do botafumeiro, corremos o risco de empapuzarnos de triunfalismo e impedir que o fume do afago nos deixe ver a verdadeira situación, que os fríos datos estatísticos confirman. Mal podemos transformar a realidade, na procura da súa mellora, se partimos de non admitila, e mal podemos facer investimentos que nos conduzan á converxencia, se permitimos que as Deputacións avalen débedas privadas co presuposto provincial ou que os concellos constrúan infraestructuras innecesarias para satisfacer demandas de clientelismo e se toleramos que as contas de todas esas institucións non sexan fiscalizadas polo Consello de Contas.