PSICOLOXÍA DA PATRIA

La Voz

OPINIÓN

LUISA CASTRO

13 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Chama a atención que teñan que morrer máis de 3.000 persoas en Nova York para que o presidente do Goberno español se atreva a falar sen inhibicións de patriotismo, ese patriotismo que ata o 11 de setembro nin socialistas nin populares facían ondear con tanto afán. Un dos efectos secundarios do terrible atentado é que os americanos son aínda máis americanos e os españois, máis españois. Este saír do armario dos patriotas dunha España unida, que suma tódalas formas de ser español, cun pasado mítico de conquistadores e artistas e un destino por realizar, vén a protagonizalo Aznar na cúspide do seu liderado, e como non podía ser doutra maneira, aproveitando as forzas externas para levar a bon porto o empeño particular, despois da catástrofe de Nova York. Desde esa data as manifestacións dos patriotas son cada vez máis frecuentes, o nacionalismo español perdeu, gracias a tantas mortes americanas, a súa culpabilidade e empeza a afirmarse, a levantar a cabeza. Aznar, coma o seu recén resucitado Altamira, non ve España como problema. Pero España foi un problema, vaia se o foi. Despois de Altamira, e de Giner de los Ríos e da Institución Libre de Enseñanza, despois dese anhelo humanizador que tería os seus herdeiros neses rapaces que hoxe protestan contra a globalización, en España e en nome de España matouse tanto e reprimiuse tanto que dicir España é un pouco vergoñoso aínda, porque o nome de España encharcouse de sangue e é difícil pronuncialo sen mancharse, quizais por iso necesitamos á Pantoja, para que a palabra España se poda pronunciar sen que a outros nos entre o arrepío polas vértebras. A palabra España na boca dos cantantes, dos escritores, dos historiadores, dos empresarios, dos inmigrantes, é unha palabra san, é unha palabra grande, unha palabra que suma e que non resta, que engrandece e non apouca, e sen embargo a palabra España na boca dun político aínda mete medo, aínda asusta, porque a palabra España na boca dun político nunca sumou senón que restou, nunca engrandeceu senón que apoucou. A inmersión de corenta anos na escuridade e na pobreza foi ademais para Galicia o mergullamento definitivo que coroou séculos de abandono e explotación. Despois disto, con ese patriotismo que suma e non resta, Aznar ou Zapatero teñen diante de si a operación máis interesante que un gobernante español xamáis acometeu: darlle letra a esa suma, darlle corpo ós sumandos e atreverse cunha verdadeira e profunda reforma da educación que prepare ós nosos fillos non para unha España da diversidade chauvinista dos seus localismos, con traxes rexionais e santóns autonómicos, senón para unha España que poidamos compartir todos, coa que todos nos poidamos identificar, tamén os que medramos en galego e queremos que os nosos fillos así o fagan. Esta nova España patriota a min vénseme embaixo cada vez que vou recoller ós meus fillos ó colexio: con respecto ó galego todo é peor que hai vintecinco anos. Xa non é que non se fale entre as nais, é que nais e profesores quéixanse de que é unha asignatura difícil. Tenche que ver. Se nos falla isto, se nos falla a raíz de nós mesmos, ¿onde está o patriotismo, onde está a calidade do ensino, onde está a educación?