CARLOS CASARES
07 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Unha lectora coruñesa escríbeme para que fale aquí da dignidade humana. Tema certamente atractivo e importante, pero difícil, polo menos para min, que teño unha incapacidade case patolóxica para tratar de abstraccións. Quero dicir que non me costa demasiado falar da xente e das persoas que coñezo, pero resúltame case imposible referirme á Humanidade. Foi, desde sempre, unha eiva que me fixo sentir como coxo, aínda que a coxeira teña tamén as súas vantaxes, unha delas, como dicía Oscar Wilde, non ter que bailar. Neste caso, descubrir as trampas dos que aman ó xénero humano, pero odian ós seres de carne e óso. Por outra parte, sucede que a dignidade humana significa moitas cousas, algunhas delas incluso contradictorias entre si. Eu coñezo a bastante xente que se define a si mesma como digna. Unhas son solemnes, outras orgullosas. Cóntase de Valle-Inclán, por exemplo, que vivía con grande dignidade a súa pobreza e que podía rexeitar unha invitación a comer só por medo a que se tratase dun favor amigable ou unha caridade ben intencionada. Sospeito, sen embargo, que a señora da Coruña que me pide unha columna sobre este asunto, fala de outra dignidade, non da que se pode confundir coa soberbia. É dicir, que ela debe estar pensando na dignidade que se pisa e que se humilla. Direille que Ramón Piñeiro, que era a cousa máis parecida á santidade que coñecín na miña vida, foi encarcerado por defender os seus ideais, foi insultado e calumniado, humillado. Un día, cando daba clases nos Estados Unidos, un alumno seu, que era bispo ortodoxo, achegouse a el e díxolle: «Profesor, presinto que a Humanidade enteira foi ofendida en vostede». Tiña razón. Toda a Humanidade.