UN EXEMPLO CALQUERA

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES

06 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Hai uns días, mentres contemplaba a chuvia polo gran ventanal do meu cuarto de traballo, escoitei na radio, que permanecía acendida no fondo, á espera de que chegasen as noticias, un comentario algo bobo. Un grupo de homes e mulleres falaban do Islam, un asunto que se puxo de moda como consecuencia dos talibáns, o ataque ás Torres Xemelgas e os presos de Guantánamo. Neste tipo de tertulias sempre hai alguén que quere destacar sobre os demais a base de dicir o que ninguén di. Sucede entón que, de maneira inevitable, esa persoa se converte nun elemento moi extravagante, por non chamarlle dun xeito menos amable. Nesta ocasión, ó mencionado deulle por dicir que neses países, e citou o exemplo de Pakistán, aínda non perderan a capacidade de soñar. E contou un caso. Polo visto, nunha aldea do sur, a uns centos de quilómetros de Karachi, unha rapaza de dezasete anos dixo que tivera un soño e que nel vira cómo centos de persoas se botaban ó mar e ían andando polas augas ata chegar a Arabia Saudita, onde os agardaban a felicidade e a prosperidade. Os veciños da soñadora fixéronlle caso e afogaron. E os que non afogaron foron ó cárcere, acusados de emigración ilegal. Esta foi a marabilla que se lle ocorreu a aquel bo señor para proclamar as excelencias de vivir aínda en lugares onde a xente non se deixa esmagar polo materialismo. O curioso foi que os seus compañeiros e compañeiras de tertulia estaban de acordo. A min veume á cabeza a imaxe do poeta cubano Nicolás Guillén, a quen un mozo lle dixo un día na Habana, nunha recepción, que o envexaba por estar de embaixador en Moscú. O poeta mirouno con ollos de cínico, díxolle: «¡No joda!», e foille botar un piropo a unha moza.