IL BRAGHETTONE

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES Á MARXE

30 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Unha das películas máis intelixentes e divertidas que vin na miña vida era italiana e titulábase Boccaccio. Nun dos catro episodios de que constaba, presentábase a un honrado pai de familia que unha mañá, ó abrir a ventá do seu piso, descubría escandalizado un anuncio enorme no que aparecía a actriz Anita Eckberg exhibindo dúas grandes exuberancias, e un letreiro debaixo que dicía: «Bebe máis leite». Indignado, o home recorreu ó bispo e ás autoridades. A noite antes de que retiraran o anuncio, o individuo tivo un mal soño, ergueuse sonámbulo e espertou colgado de Anita polos tirantes, coa rechifla xeral. Se os seus extravagantes prexuízos moralistas non llo impedisen, o ministro americano de Xustiza, John Ashcroft, debía ver esa película, por se acaso. A decisión de cubrir con panos a figura feminina dunha estatua espida, tipo art deco, temo que lle poda acarrar algúns problemas. Nestas cousas hai que proceder sempre con moito tino. O famoso Edgard Hoover, do FBI, perseguía homosexuais e resulta que el mesmo se vestía de muller. Un compatriota do señor ministro, un tal Anthony Comstock, tamén se dedicou a perseguir as rapazas que facían de modelos nas escolas de Arte e logo acusou ó escritor Bernard Shaw de ser un guarro. Este, que tiña unha gran lingua viperina, inventou a palabra constoquería como sinónimo de estupidez. Algo parecido lle pasou ó pobre de Daniele da Volterra, aquel pintor a quen lle encargaron tapar as partes espidas dalgunhas das figuras que Miguel Anxo pintara na Capela Sixtina, en pleno Vaticano. Pasou á historia da arte como Il braghettone. Aínda que teña un apelido complicado, Ashcroft non está libre dun castigo semellante.