CARLOS CASARES
27 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Teño un amigo que sente pánico diante dos martes que caen en 13. Non lle falta razón. Unha vez caeu na rúa, cando saía da misa, e partiu un dente. Noutra ocasión perdeu a carteira con cincuenta mil pesetas, a pesar de que a levaba atada cunha cordiña ó botón do peto interior da chaqueta. Por se todo esto fose pouco, a única vez que se lle ocorreu ir a un partido de fútbol, un balonazo partiulle os lentes e estivo a punto de deixalo cego dun ollo. Cando coinciden esa data e ese día da semana no calendario, agora opta por non saír á rúa, e na casa procura non moverse dun sillón, onde le para pasar o tempo. Está tan preocupado polo asunto, que o primeiro que fai a principios de cada ano é consultar a axenda para ver se vai haber algún deses días nefastos. O sábado xa me dixo que haberá un en agosto, o único, por fortuna, pois en febreiro e marzo a cousa salvouse por pouco: o trece pasou a mércores. Eu, que non creo nesas cousas, tampouco fixen nada por quitarlle importancia, pois son batallas perdidas de antemán. Limiteime a escoitalo. Esto dos números gafes está bastante estendido en todo o mundo. Mesmo hai países, como os Estados Unidos, onde non existe o piso número trece. Non todas as culturas, sen embargo, teñen as mesmas crenzas. Na Cniha, por exemplo, é o número 4, que se pronuncia case igual que a palabra «morte». E en Cantón, polo visto, o 14 pronúnciase da mesma maneira que «morte segura», o cal fai que en Nova York, os cantoneses procuren non atravesar nin meterse pola rúa 14, o cal resulta bastante difícil porque atravesa Manhattan de Este a Oeste. Eu estiven alí, vendo o museo dedicado a Edison, e non me pasou nada. Pero non son chino.