CARLOS CASARES
25 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.O outro día, co motivo da columna que lle dediquei ó tema dos piratas, Francisco Vázquez, alcalde da Coruña, que tamén é afeccionado ó tema, entregoume unha nota manuscrita coa abundante bibliografía que el posúe ó respecto. Con ese motivo, e aproveitando que andan os carpinteiros na casa preparando novos andeis, púxenme a revolver entre os libros para xuntar todos os que teño sobre bucaneiros, corsarios e demais personaxes relacionados con ese mundo de aventuras marítimas, crimes e outras peripecias. Atopei cousas que xa esquecera, lidas hai moitos anos, aínda que pronto me volveron á memoria. Houbo unha excepción. Medio perdido entre libros grandes, atopei un libriño daqueles da colección que se chamaba Pulga, moi populares cando eu era neno. É unha biografía do pirata Morgan, aquel célebre corsario inglés que incendiou Maracaibo e que deu un golpe de man contra a cidade de Panamá. Lino de novo e sentín a ledicia de que recordaba case todo canto alí se dicía, sobre todo a súa etapa de escravo, a máis emocionante. Sen embargo, nesta ocasión deixeime levar non tanto pola historia e a aventura como pola nostalxia. Quero dicir que me fixei nos aspectos externos do libro: os coloríns da tapa, o prezo (non o poño aquí para que a máquina automática non me converta as pesetas en euros, pero que en dólares establecía, para os demais países do mundo, a cantidade de 0,05 dólares), e sobre as palabras de propaganda encargadas de ponderar as virtudes da colección: «La esencia fina se vende en frascos pequeños. Una obra que debe leer toda la familia porque a nadie desagrada curiosear lo bueno». En familia non se lía nada, só se rezaba o rosario.