A Xunta ábrese a negociar o uso do galego no ensino tras presentar o novo plan de normalización
GALICIA
O conselleiro López Campos asegura que se buscará o consenso de todas as forzas para revisar o decreto do plurilingüismo. A oposición critica que se presentara sen acordar as medidas
15 jul 2026 . Actualizado a las 19:22 h.A inusual cantidade de vehículos que no mediodía deste mércores estaban estacionados no exterior da Cidade da Cultura e o fío musical de saxofóns e baterías que se escoitaba no interior do complexo presaxiaba o que estaba por chegar. Cun público numeroso, o museo Gaiás, deseñado por Eisenman, acolleu a presentación en sociedade da actualización do plan de normalización lingüística, que promoveu a Xunta e co que busca acadar o consenso de todas as forzas políticas no Parlamento.
Durante o acto, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, abriuse a modificar o controvertido decreto do plurilingüismo do 2010 no ensino —permitindo que calquera materia se poida impartir en galego—, pero sempre, recalcou, «que haxa consenso co resto de forzas políticas». Tamén avanzou que nos próximos meses, tal e como marca o novo plan, comezarán os trámites para poñer en marcha unha nova Lei de Lingua para adaptarse aos tempos que corren. Porque a normativa de 1983 aínda está en vigor a día de hoxe.
O acto, presidido por López Campos, contou cunha ampla representación de toda a sociedade galega. Acompañárono o secretario xeral da Lingua, Valentín García, e tamén altos cargos do Goberno autonómico, alcaldes e deputados do PP. Canda eles, figuras relevantes da cultura, do deporte e da Igrexa. Tamén dos corpos e forzas de seguridade do Estado, da xudicatura e da universidade.
Tras unha actuación do cantante 9Louro, unha das estrelas do novo panorama musical do país, chegou a quenda de Esther Estévez e Xosé Antonio Touriñán, que presentaron o acto dando paso a un vídeo no que se repasaban todos os cambios que experimentou a sociedade galega dende o 2004, cando se aprobou co consenso de todo o Parlamento o plan de normalización promovido dende o Goberno de Manuel Fraga. Daquela, como lembraban, os teléfonos só servían para chamar e os mapas das estradas aínda ían na luveira dos coches.
Os cambios sociais que viviu Galicia nestes 22 anos tamén centraron o discurso inaugural do catedrático Manuel González, que coordinou o traballo das once comisións sectoriais —formadas por 140 profesionais— que fixeron posible a actualización deste plan, que a Xunta prometera presentar nos primeiros seis meses do ano.
Na súa intervención, o filólogo defendeu a necesidade de renovar o documento para adaptarse ao contexto actual. Porque, neste tempo, a presenza da lingua no contexto urbano foi a menos, medrou a desproporción entre o galego e o castelán na tecnoloxía e no audiovisual, e tamén se deron importantes cambios demográficos. Como explicou, a inmigración representaba un 1,5 % da poboación galega no 2004 e agora esa porcentaxe multiplicouse por dez, ata case o 15 %. «Por iso —asegurou— hai que promover o galego en todos os estratos da cidadanía e en todos o sectores».
A xuízo de González, é necesario aprobar medidas como as que recolle o plan —decididas «e de reivindicación positiva da lingua»— para que o galego recupere a presenza social que perdeu, e promover o seu estatus na sociedade e en todas as institucións.
«Un paso á fronte»
Minutos despois, chegou a quenda do conselleiro José López Campos, que comezou agradecendo a presenza de todos os convidados e subliñando a riqueza que supón ter «unha lingua propia e de seguir traballando para promovela». Lembrando que tal día coma este mércores hai 141 anos faleceu Rosalía de Castro, López Campos indicou que agora, unha vez presentado o plan, comeza o proceso para aplicar e renovar estas medidas de promoción da lingua. Será o seguinte paso, dixo, dunha andaina que comezou no 2024. Aquel ano, o Instituto Galego de Estatística deu a coñecer os datos que mostraron unha forte caída da porcentaxe de galegofalantes e que, polo tanto, aconsellaban «dar un paso á fronte» —como tamén recomendou a RAG un ano despois— para avanzar nas políticas lingüísticas.
Houbo que esperar ás declaracións que ofreceu ante os medios unha vez finalizou o acto para coñecer detalles máis concretos sobre a proposta, que o conselleiro cualificou de «estratéxica e ambiciosa». Non especificou ningunha das case setecentas medidas que inclúe o documento e que San Caetano, como salientaban fontes próximas ao proceso, revisou antes da súa presentación pública. Os grupos da oposición, pola súa banda, criticaron que a presentación se celebrara sen antes acordar ningunha medida.
O conselleiro, porén, apelou á unidade. «O documento fala de sociedade, de economía, de sanidade e da xustiza», explicou antes de recalcar que o plan deixa aberta a porta «a unha negociación» e salientou que a ampla representación da sociedade no acto envía ás forzas políticas unha mensaxe para entender que se trata «dun momento histórico». A preguntas dos xornalistas, López Campos tamén explicou que o plan aborda a situación da lingua na educación, «un dos ámbitos nos que hai que actuar».
E neste sentido, mostrouse aberto a axustar determinadas normativas «sempre que exista altura de miras e a unanimidade necesaria». Referiuse así, de forma velada, ao decreto do plurilingüismo que aprobou o Goberno de Feijoo no 2010 e que acouta o uso do galego dependendo da materia de estudo. Despois das súas declaracións, fontes da Administración autonómica confirmaban que o Goberno se mostrará aberto a negociar esa lei e o uso do galego no ensino, pero sempre que se acade o consenso de todas as forzas políticas. O documento coa proposta, de 388 páxinas, xa se enviou ao Parlamento para ser estudada polos distintos grupos.
Orzamento para facelo posible
En relación con outros ámbitos que aborda o plan, López Campos recalcou a necesidade de activar a versión en galego do programa Atenea, que permitirá completar procesos xudiciais en galego, «algo necesario e fundamental». Pero tamén incidiu na idea de que o galego gañe terreo no sector empresarial, e tamén no deporte, reforzando «as subvencións e os acordos coas federacións». Todas estas medidas irán acompañadas, explicou, «dunha senda orzamentaria» que garanta a posta en marcha destas medidas. A normalización, concluíu, ten que pasar a ser «un obxectivo prioritario».
A sala que quedou pequena nun acto a prol da lingua
Que a sala do museo Gaiás que acolleu a presentación do plan de normalización quedou pequena é algo que comentaban os asistentes ao acto, e tamén Esther Estévez e Xosé Antonio Touriñán, mestres de cerimonia dunha gala que inaugurou 9Louro. O artista de Muros, fenómeno de masas entre a mocidade, puxo a bailar o público co seu seseo e co seu estilo desenfadado que demostra que o galego non entende de xéneros musicais.
Tampouco de nacionalidades, como ben evidenciou o poeta Simón Rodríguez. O coñecido en redes coma «o galego de Caracas» recitou un poema e ergueuse como representante de toda a diáspora venezolana nun país, Galicia, que o arroupou tanto como o fixo a súa lingua. Na pantalla, unha bandeira venezolana ondeaba ao ritmo doutra galega.
«A min xa me teñen preguntado de onde saco este acento», dicía pouco despois o empresario chinés Peine Lin provocando as gargalladas de todo os asistentes. Lin repasou algunha das situacións que se viviu falando galego e deu paso a Cliona Vaughan, unha das alumnas dos cursos de verán que imparten a RAG e a USC e que acollen a estudantes dunha vintena de nacionalidades. Cliona contou como empezou a estudar galego na Universidade de Oxford e salientou a importancia de iniciativas como as que extenden a aprendizaxe do galego entre os estranxeiros nos diferentes centros de estudos que se reparten por todo o planeta.
Un ágape diverso
«Sempre me sorprendeu que se me cuestionase nalgúns ámbitos por falar en galego», comentaba a cantante e presentadora Fátima Pego, que lembrou que o galego a acompañou sempre, «dende ben pequena e con toda a súa familia».
Entre as personalidades que a escoitaron, e que tamén atenderon á intervención da produtora Zaza Ceballos, estaba unha representación de toda a sociedade que se repartiu despois no ágape, con cortador de xamón e con outros aperitivos que tiveron ocasión de degustar. Entre outros moitos, estiveron alí o triatleta Iván Raña, o físico e investigador Jorge Mira, ou os presentadores Alba Mancebo, Fran Cañotas ou Roberto Vilar. Todos arredor dun acto que, 22 anos despois, evidenciou a unidade social arredor da lingua.