A CASA (CAÍDA) DE SARMIENTO

La Voz

OPINIÓN

ANTÓN COSTA RICO, DECANO DA FACULTADE DE CIENCIAS DA EDUCACIÓN-USC

22 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Nunha reportaxe periodística que o 13 de xaneiro publicaba La Voz de Galicia, arredor da próxima conmemoración do Día das Letras Galegas en honra de Frei Martín Sarmiento, dise que a casa natal de quen o 9 de marzo de 1695 naceu en Vilafranca do Bierzo está na rúa da Auga de dita vila. Con precisión debemos dicir que a casa estaba, como manifesta a fermosa fotografía que acompaña a reportaxe, foto que é de 1994 ou 1995, anterior en todo caso á celebración en 1995 do Congreso Internacional sobre Sarmiento convocado polo Consello da Cultura Galega, ocasión coa que se instalou no frontal da casa unha segunda placa conmemorativa, que non figura na fotografía. Na pasada primavera renovaba eu a miña particular peregrinación á casa onde nacera quen podemos considerar o fundador da pedagoxía galega, isto é, o iniciador dunha reflexión teórica sobre os fundamentos e estratexias para o establecemento dun proceso educativo construído racionalmente sobre coordenadas socio-históricas ineludibles. Encomendado á memoria percorrín a rúa dunha beira á outra sen olla-la casa e sen dar creto. Por fin a pregunta fíxome ollar para un solar con cascallos. Alí estivera a casa, caída no inverno por cansanzo e exceso de choivas sen que ninguén fixese por poñer remedio; o caso é que arestora non temos casa. Aínda así, alí en Vilafranca poderíase celebrar o acto central convocado pola Real Academia Galega para a conmemoración do Día das Letras Galegas en honra de Frei Martín Sarmiento, ben que haxa moitos e consistentes motivos para que se celebrase en Pontevedra («mi patria», en expresión de Sarmiento). Ben é certo que aos catro meses de nacer en Vilafranca, os seus pais, que levaban sobre quince anos naquela vila, véñense a vivir con todos os fillos a Pontevedra onde aínda lle nacerían outros irmáns a Sarmiento. Poderíase celebrar en Vilafranca, dado o interese muncipal e quizais tamén social existente alí, porque tamén Vilafranca na súa historia, lingua e cultura antropolóxica é fundamentalmente galega e o galego escoitase aínda nas súas rúas. Pero haberíanse de dar algunhas condicións para que a realización de tales actos non fose unha romaría con xantar gratis para as autoridades, e tivesen algún significado: por exemplo, ¿podería o goberno municipal conservar ou a Junta de Castilla y León arranxar como é debido a biblioteca pública, que era a fins de maio un destartelado alpendre con moitos libros amoreados e dotala de persoal cualificado?; ¿poderíase chegar ao compromiso por parte da Xunta de Galicia de reconstruir a casa de Sarmiento como casa de cultura galega e ao servicio da expansión e conservación da nosa cultura no Bierzo, dotándoa tamén dos recursos humanos precisos?; ¿sería moito pedir que se adoptase un acordo municipal para que o topónimo castelán convivise coa súa expresión en galego?; ¿poderíanse adoptar en Vilafranca, como na viciña Cacabelos, compromisos efectivos para que o galego se poida estudiar en todos os colexios, en honra do filólogo e educador Sarmiento, contando coa colaboración oportuna do goberno galego? En sendo así ou parecido poderíase celebrar en Vilafranca. Como un acto illado e un xantar non tería senso. E entón o seu lugar ha de ser Pontevedra, tanto por motivos como por condicións de celebración. Agora que vai escomenzar a realización de actos en honra e para maior coñecemento do que a cultura galega lle debe a Martín Sarmiento, aquel laborioso polígrafo, solidario coas xentes do común e reivindicador da lingua galega e de tantos aspectos da nosa historia e cultura, ben cumpría facer do Ano Sarmiento un ano clave para as nosas letras: ¿Un acordo nacional parlamentario con programas de actuación e revisable que nos permita abordar a perda de primeiros falantes e a ruptura da cadea xeracional na transmisión da nosa palabra? Sería un bo Ano das Letras. ¡Que Sarmiento nos vala!