C J C

La Voz

OPINIÓN

FRANCISCO ROZADOS «ROCHI» GAÑADOR DA XII EDICIÓN DO PREMIO CAMILO JOSÉ CELA

19 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Noutronte escoitei unhas declaracións que me fixeron ruborizar como galego. Foron pronunciadas por un político -non direi cal para que non se pense que pretendo politiza-lo tema-, e dicían que Cela, fóra da súa primeira época, a de La Familia de Pascual Duarte e La Colmena, era un escritor supravalorado e que non aportara nada ás nosas letras. Podo estar de acordo coa segunda afirmación, porque efectivamente Cela, agás algunhas colaboracións en prensa, escasamente escribiu en galego (se cadra precisamente porque o respectaba moito e sabía que para non facelo perfecto, mellor era non facelo). No que xa non podo estar de acordo é na pretendida supravaloración dun autor que foi recoñecido en todo o mundo e traducido a practicamente tódolos idiomas (a mencionada La Familia de Pascual Duarte é o libro máis traducido despois do Quijote). ¿Será que os lectores mundiais son todos, paradoxicamente, uns pobres «analfabetos literarios»? Coido que detrás de todo o que latexa é o xeito de aldeanismo máis cerril, o mesmo que criticaba a posta en escena de Valle-Inclán polo Centro Dramático Galego en castelán. Son o primeiro que defende, porque a mamou e porque a vive, a nosa lingua, pero desdeñar a autores que, aínda escribindo en castelán, significan tanto para a nosa terra coma Cela ou Valle-Inclán, que coido os mellores renovadores da literatura castelá xunto con Quevedo, seméllame dun provincianismo anacrónico e paleto. ¿Ou será que Eduardo Blanco Amor, un dos máis grandes novelistas da nosa literatura só se pode considerar medio autor por escribir parte da súa obra en castelán? ¿Ou será que Cunqueiro, o fabulador que deixa a Tolkien á altura dun aprendiz coa maxia das súas palabras só se pode considerar medio autor por escribir parte da súa obra en castelán? ¿Ou será que Bieito Iglesias, para min un dos máis firmes e asentados valores da actual narrativa galega, só se pode considerar medio autor por escribir Bajo las más bellas estrellas, a pesar de que amosa ó resto do país a súa auténtica sensibilidade galega, pero escribindo en castelán? Déixenme dicirlles que a historia é algunhas veces xusta, e cando, dentro de cincuenta ou cen anos, ó tempo que calquera lector escandinavo, chinés, neocelandés ou galego lea a dedicatoria a unha das edicións de Mazurca para dos muertos: «... es la novela que debía a la generosa y mágica tierra que me vio nacer...» e pense, asuma e reinterprete a realidade máxica galega léndoa en castelán ou traducida ó idioma que sexa (mesmo ó galego na axeitada traducción de Rábade Paredes), e así mesmo lembre e recree a Cela indisolublemente unido á paisaxe galega e viceversa, vexa que existe nela un relator de altura, e por riba agradecido, ninguén lembrará, por sorte, ó tonto contemporáneo que fixo esas desafortunadas declaracións e si, por suposto, a un galego que se chamaba Camilo José Cela, inigualable creador a un tempo de mundos e linguaxes (rara avis en calquera literatura). Porque, como digo, non sempre, pero ás veces a historia é xusta, e borra as presencias inútiles ó tempo que mantén ás útiles ausencias presentes por sempre.