ESTRUCTURAIS, ¿E DE COHESIÓN?

La Voz

OPINIÓN

CARLOS TAIBO

16 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Un dos grandes procesos abertos na UE destas horas é o relativo á súa ampliación na Europa central e balcánica. Neste ámbito, como en tantos outros, prima a consideración do que é máis próximo. Entre nós é inevitable e lóxico que se adiviñe unha próxima reducción dos niveis correspondentes aos fondos estructurais e de cohesión, que representan hoxe algo máis dun 10% do PIB galego. Semellante reducción virá a confirmar unha análise que escoitei varias veces nos beizos de Xosé Manuel Beiras: o feito de que Galicia, un país que mostra unha economía con perfís bastante similares aos de Irlanda, a diferencia desta non puidese negociar coa UE, no momento da súa adhesión, desde a posición propia dun Estado tense traducido nunha situación de xeral desartellamento económico na que se dan cita estaleiros estragados, sectores pesqueiros en manifesta crise e agriculturas e ganderías en xeral desfeita. Se nos últimos quince anos todo isto encontrou a réplica de que, a maneira de contraprestación, a UE entregaba a Galicia sumas importantes en concepto dos mentados fondos estructurais e de cohesión, agora o escenario parece chamado a mudar de contado. A incorporación dunha ducia de novos, e pobres, socios á UE terá unha consecuencia inmediata: se Galicia ate hoxe ocupaba un dos postos máis baixos, dentro da Unión, no que atinxe ao seu nivel de renda per cápita, a chegada dos novos candidatos provocará que a maioría das rexións destes últimos ocupen o furgón de cola no que a desenvolvemento económico se refire dentro da UE ampliada. Así as cousas, e como por arte de maxia, Galicia pasará a ocupar, nesta última, un lugar intermedio que, conforme as regras imperantes, impedirá que no futuro se beneficie dos compensatorios fondos estructurais que nos ocupan. A consideración que acabamos de realizar en modo ningún debe invitarnos a esquecer, claro, os inxentes problemas que acosan aos candidatos que chaman á porta de UE. Bastará con lembrar ao respecto que, se hai quince anos, no momento da súa adhesión, España e Portugal mostraban unha renda per cápita que era, aproximadamente, un 60% da comunitaria, o nivel correspondente nos candidatos de arestora é dun 32%. Nestes, e por se o anterior fose pouco, as terapias de choque desenvolvidas no decenio de 1990 crearon formidables bolsas de pobreza que, polo que fai agora, non parecen preocupar, sen embargo, aos dirixentes da Unión. E é que, tal e como van algunhas cousas, hai quen empeza a matinar que a estratexia central que se vai abrir camiño nos vindeiros anos é ben simple: mentres se reducen as axudas ás partes máis pobres de UE destes días, o que se albisca é que semellante reducción non está chamada a beneficiar a países, os candidatos, condenados a vivir nunha periferia europea na que a miseria agroma por todas partes.