ATRANCOS NO COÑECECEMENTO

La Voz

OPINIÓN

ISAAC DÍAZ PARDO

13 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Nos meus tempos de emigrante na Argentina asistín a reunións e seminarios con temas que a un chegado da España franquista coma min, onde case todo estaba prohibido, nos sorprendía. Entón a Argentina estaba moi adiantada neso de atopar novos camiños pra o pensamento. A afición á psicoloxía cruzábase con preocupacións constructivistas como as que había en torno a «Nova Cultura». Tratábanse cousas impensables como a imposibilidade de ter noción de infinito cando a nosa mente só entende conceptos finitos. Algúns temas tiñan certa coña, como o das mamadeiras artificiais que logo se notaban nos individuos que tiñan mamado por ese artificio, e non nos peitos da nai. Nunha destas xuntanzas nas que teño coincidido con Dieste e con arquitectos e inxeñeiros novos, plantexábase a mecánica do coñecemento en relación coa creación, no que o tema posto sobre a mesa era que para a evolución e o avance do coñecemento e da creación o que se sabe é un atranco maior que o que non se sabe. É dicir, os coñecementos canto máis rigurosos e especializados presentan unha resistencia para adquirir concencia de outras áreas da existencia, o que explicaría as xentes de ideas fixas limitadas polo horizonte do que saben. Esto tería algo que ver con ese desprecio que sinten algúns, entre eles Unamuno, contra eses bárbaros especialistas, tamén co que vimos denunciando en relación co problema da lingua e dos que ganaron esa partida na RAG, que lles importa un beldro que con eso do neo-liberalismo e as privatizacións sen límite -como fixo o Menen na Argentina (así están agora)- Galiza está ó límite da súa colonización. O que escribiron algúns de que sabendo lingüística xa se pode un desenvolver en todo, non pasa de ser un disparate: sabendo lingüística o que se sabe é lingüística e nada máis. Sei que as cousas que saben as saben ben, e sei que o seu amor a Galiza é auténtico. Mais, falan de engrandecer a RAG cando o que hai que engrandecer é a Galiza. Algúns destes amigos láianse de que o galego estea perdéndose como lingua coloquial entre a xente nova, mais non se lles ocorre pensar que as linguas as fai o povo en razón do comercio que permiten as forzas dominantes que o conducen. As linguas ibéricas e inglesas impuxéronse co dominio, e hoxe vemos como se opera esto nas Filipinas e en Puerto Rico. Cando os irmaos do rei García o destronan Galiza e a súa lingua chegaban ao Mondego. O portugués nasceu a partir do galego. Aínda tardou varios séculos en comenzar a se diferenciar, mentras o galego evolucionou penetrado polo castelán. Morto na cadea o rei García a finais do século XI, xa sen esperanza, logo dun século, o condado de Portus-Cale, fuxindo posiblemente da asimilación de Castela, independízase (lástima que o corajudo príncipe non arrastrase con el a Galiza, pensa Castelao). O acercarse a Portugal é o único que pode salvar ó galego dunha morte segura. ¿Ou os que se laian de que o galego morre teñen outra fórmula para o defender? E con Portugal iríamos entrando nun mundo de máis de cen millóns de galego/luso falantes. Mentras Catalunya e Euzkadi teñen menos sorte para a evolución do seu idioma constrinxidos a limitadas áreas.