MARINA MAYORAL
12 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.O outro día vin na Galería Soledad Lorenzo en Madrid un espectáculo inusual, a medio camiño entre a danza, o teatro e o happening. Tratábase da exhibición duns vídeos e da actuación en vivo da súa autora, unha artista que se fai chamar La Ribot. O que resulta sorprendente é que a artista actua totalmente desnuda, ou, ó sumo, calzando uns zapatos, e móvese polo medio da xente, que a vai seguindo dun número á outro. ¿Que fai? Antes de nada, cun xesto que recorda ós dos nenos e que en efecto ela di que o tomou do seu fillo, marca o territorio colocando no chan unha ristra de xoguetes pequenos e a roupa que leva posta (unha chaqueta, unhas bragas, un par de medias e os zapatos). A partir de aí fai unha serie de solos, as pezas distinguidas, interpretacións que duran dende trinta segundos ata sete minutos e nos que se ata como un paquete, ou se envolve nun papel de celofán dourado, ou se entablilla o corpo con esparadrapo e trozos de madeira, ou, nun dos números máis espectaculares, vai bebendo de pé moi lentamente unha botella de auga, tan lentamente que non se lle note que traga, e ó mesmo tempo vai baixando o corpo ata acabar tumbada no chan e coa botella valeira. María Ribot, nacida en Madrid en 1962, cunha formación de bailarina clásica, ampliada despois a danza moderna, vive en Londres e dende o 93 está metida neste proxecto das pezas distinguidas das que vai polo número 34 e das que pensa facer cen ó longo da súa vida. Estas pezas véndense a propietarios distinguidos dos que o nome figura ó lado do título da obra e que están «informados e invitados á presentación da súa peza por todo o mundo e durante toda a vida». En España hai dous destes propietarios distinguidos: a Galería Soledad Lorenzo e Arteleku de San Sebastian; os outros son de Londres, París, Lausanne e Frankfurt. A min o espectáculo recordoume a Pina Bausch polo que ten de intento de incorporar á arte os xestos da vida cotián, pero sobre todo fíxome pensar en Isadora Duncan, non só porque ésta reivindicase o desnudo como o máis noble na arte senón sobre todo pola vinculación inseparable das obras á interprete. A Duncan non puido deixar escola porque o que facía só lle saía ben a ela: tiña unha gracia especial, unha beleza que convertía en arte movementos que en outra bailarina resultaban cursis ou ridículos. E coido que esto mesmo sucede coa Ribot: unha belísima pel de pelirroxa, un corpo bonito e unhas pernas perfectas cautivan por completo ó público que a segue encantado dunha parte a outra do espacio que vai creando coas súas representacións. É algo así como se de súpeto un vise poñerse en movemento unha escultura de Rodin ou de Maillol, ¿que mais da o que faga? En fin, como lles decía ó comenzo: un espectáculo pouco corrente que, se teñen ocasión, lles recomendo que non deixen de ver.