CAMILO NOGUEIRA EURODEPUTADO DO BNG LIÑA ABERTA
10 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.O pasado 11 de setembro celebrábase no Parlamento Europeu unha reunión da Comisión de Política Rexional. Comparecía a Presidencia da Unión para dar conta de decisións recentes do Consello de Ministros. A Comisión encontrábase en pleno debate cando sobre as tres e meia da tarde chegou a terríbel noticia dos atentados de New York e Washington. Quen nese momento exercía de presidente do Consello perante o Parlamento era un ministro de Valonia que ten no seu país unha responsabilidade semellante á dun conselleiro de Política Territorial do Governo Galego. No seu período de presidencia da Unión, e de acordo co artigo 203 do Tratado Constitutivo, Bélxica facíase representar por un ministro do Governo central e/ou por ministros de Flandes, Valonia ou Bruxelas. Días despois, varios deputados de Escocia, Cataluña e Galiza mantiñamos un encontro con Alain Lamassoure, ex-ministro de Asuntos Europeus de Franza e deputado relator do documento do Parlamento Europeu sobre a distribución de competencias entre a Unión, os estados e as entidades políticas constitucionais internas. Tratábamos da presenza das nacionalidades e rexións na UE e, particularmente, nas reunións do Consello. Lamassoure considerou paradoxal que, se se mantén a posición autoritaria do Governo do Estado español, nalgún momento despois da ampliación a novos estados un Consello de Ministros de Pesca, poñamos por caso, poda ser presidido por un ministro de Eslovaquia, un pequeno país situado no interior do continente, mais non por un conselleiro de Pesca de Galiza. Máis recentemente, o 27 de novembro, o Consello de Ministros de Pesca da UE reuniuse para considerar o regulamento que define a contía e os termos da aplicación dos fundos orzamentais para a reconversión da frota española que faenou en Marrocos. O ministro Arias Cañete manifestou a súa satisfación polo aprobado a pesar de que o Consello non tivera en conta praticamente nada do que días antes decidira o Parlamento Europeu, nen tampouco as xustas demandas dos países e dos armadores e mariñeiros afectados. De novo na relación de representantes dos estados no Consello de Ministros de Pesca aparecía un ministro de Valonia. Non estaba, en troques, nengún conselleiro de Andalucía, Canarias ou Galiza. Non estaba Galiza a pesar de que podería estar. Os Tratados da UE permitirían a presenza no Consello de conselleiros de entidades como as nacionalidades e rexións do Estado español. Así sucede xa, baixo fórmulas diversas, coa representación dos estados federados, rexións constitucionais ou nacións históricas de Alemaña, Austria, Bélxica e Gran Bretaña. Pero o Governo español nega ese direito constitucional e democrático e chega incluso a negar o que, con evidencia, se pratica xa nas reunións do Consello de Ministros. Faino, amáis, apoiándose nunha idea arcaica da soberanía estatal na UE. O primeiro ministro Aznar e o seu Governo non queren recoñecer que a Unión Europea xa non é hoxe para o Estado español un ámbito político internacional, senón unha institución política nova e innovadora que evoluciona mediante formas de soberanía partillada, seguindo un «proceso criador dunha unión cada vez máis estreita entre os povos de Europa», como di o Tratado de Amsterdam. Opóñense a un proceso histórico caracterizado polo recoñecemento constitutivo da diversidade dos cidadáns e os povos da Unión, no que os estados como institucións seguirán participando da forma que lles corresponda, mais sen que poidan facelo como se seguisen existindo as antigas fronteiras absolutistas. Agora, coincidindo co semestre da Presidencia española, vaise pór en marcha a convención que elaborará a proposta de reforma dos tratados decidida en Niza e, moi probabelmente, o texto dunha Constitución da Unión, en espera do alargamento a 10 ou 13 novos estados. Será un bó momento para responder en términos democráticamente comprensíbeis e sen apriorismos dogmáticos a unha pregunta que responde a esta perspectiva histórica: ¿por que Malta e non Galiza; Dinamarca e non Escocia; Luxemburgo e non Baviera; Eslovaquia e non Cataluña poden ter na Unión o recoñecemento histórico, cultural e político que lles corresponde como entidades nacionais?