XOSÉ RAMÓN BARREIRO FERNÁNDEZ PRESIDENTE DA REAL ACADEMIA GALEGA TRIBUNA
05 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Reúnenos hoxe aquí a conmemoración dos 120 primeiros anos de La Voz de Galicia e o anuncio da aparición inmediata dos 120 libros da Biblioteca Galega. Hai poucos días inaugurouse en Arteixo o monumental Museo Histórico de La Voz de Galicia con preto de 2.100 cabeceiras de xornais de tódalas épocas e de todo o mundo, un museo único no seu xénero, aberto á investigación, ó estudio e á contemplación de todos. La Voz de Galicia está, pois, facendo historia. O anuncio da aparición da Biblioteca Galega, co mesmo título e intención daquela outra Biblioteca Gallega fundada no ano 1885 por Juan Fernández Latorre e por Martínez Salazar, é un acontecemento cultural que nos enche de ledicia porque posibilita que miles de persoas teñan acceso á máis importante literatura galega de tódolos tempos. Reforza, ademais, a nosa identidade. A identidade dun pobo reside na súa cultura, que é un producto da acumulación de diversos factores: dunha xeografía, dunha historia, dos usos e costumes, dos valores que se transmiten de xeración en xeración e, sobre todo, dunha fala, dun idioma que é o tronco no que se enxertan os demais valores. A identidade cultural é a que, en definitiva, crea ese feito único e irrepetible de ser un pobo. Cómpre, pois, distinguir sempre entre a identidade cultural e a identidade política. A identidade política nace dunha libre opción, de elixir un proxecto. Por iso a identidade política é mudable e transitoria; dura o que dure o entusiasmo ou a fe. A identidade cultural, en troques, non se elixe; imponse polo feito de nacer nun lugar, nunha familia, convivir cuns veciños, de participar de valores comúns, de respirar unha atmósfera, de sentir o recendo da herba, da terra e do mar propios. A identidade cultural acompáñanos toda a vida como a pel pegada ó corpo. A nosa comunidade vivíu durante séculos nunha soedade xeográfica e económica que a obrigou a adaptarse a esta xeografía, a este clima, a procurar formas propias de sociabilidade. A nosa comunidade, sempre aberta ós influxos doutras comunidades máis poderosas, non renunciou ó seu, e foi capaz de crear mecanismos propios de relación social, de crear códigos de conducta, unha sintaxe propia para o seu discurso e, sobre todo, foi capaz de crear un idioma propio. E isto non foi o resultado dun pacto asambleario senón da historia. Por iso a cultura na súa expresión máis fonda sempre se impón e nunca se elixe. Nace con un e morre con un aínda que se fagan esforzos sobrehumanos para extinguila dentro de un. Pero as culturas tamén enferman, se debilitan e poden mesmo morrer. Hoxe as culturas minoritarias, como a nosa, están sometidas a un acoso implacable. A confianza que temos na nosa cultura, que soportou victoriosamente tantas probas, non debe levarnos a menospreciar os perigos. Se o noso idioma perece, estade seguros que o pobo galego morre con el. Por iso tódolos esforzos que se realicen nos distintos eidos (na Administración, no ensino, na investigación, nos medios de comunicación social, na creación literaria) para reforzar o noso idioma, son esforzos que preservan a nosa identidade. E por iso eu teño que felicitar, na miña condición de presidente da Real Academia Galega, a Santiago Rey Fernández-Latorre, patrón desa nave que é La Voz de Galicia e con el a tódolos que en forma entusiasta proxectaron a aparición da Biblioteca Galega, porque iso significa un reforzamento extraordinario en favor do noso idioma e da nosa identidade. E para rematar, permítanme, neste momento tan importante, facer un último recoñecemento: desde a súa fundación, no ano 1905, a Real Academia Galega atopou sempre no xornal La Voz de Galicia comprensión, eco e apoio. Manuel Murguía, o seu primeiro presidente, consideraba a La Voz de Galicia como o seu xornal e, por iso, quixo que o 15 de xullo de 1885, cando a súa dona, Rosalía de Castro, acababa de expirar, aparecera en absoluta primicia o fermosísimo e sentido capítulo a ela dedicado e que logo formaría parte do libro Los precursores. Foi así como La Voz de Galicia tributoulle a primeira e máis sentida homenaxe a Rosalía. Martínez Salazar, Lugrís Freire, Eladio Rodríguez González, Casás, Martínez Risco e, finalmente, García-Sabell e Paco del Riego, e quen agora vos está a falar, escribiron no xornal La Voz de Galicia, e na súa dirección e redacción sempre atoparon e atopamos comprensión e apoio. A miña presencia aquí hoxe quere testemuñar tamén esta historia de encontros entre a Academia e La Voz de Galicia.