OS AZARES DA HISTORIA

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES

04 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Hai 120 anos, un home novo, que aínda non cumprira os corenta de idade, fundaba este periódico no que eu escribo desde hai case tres décadas. Chamábase Juan Fernández Latorre e era un mozo republicano, galeguista e librepensador. Polos seus ideais políticos e sociais, padeceu persecucións que o levaron ó desterro e estiveron a punto de custarlle a vida, pois foi condenado a morte, un castigo do que só se puido librar fuxindo do país. Tivo sorte, porque as posibilidades de rematar diante dun pelotón de fusilamento foron moi altas. Gracias a que eso non sucedeu, hoxe celebramos un aniversario como este. Visto o que Fernández Latorre fixo despois, a idea de que puidese perder a vida por decisión dun tribunal resulta repugnante e estúpida. Aquel mozo que estivo a piques de ser fusilado porque alguén decretou que non merecía seguir vivindo, foi capaz de fundar o periódico máis importante da historia de Galicia e crear unha editorial, a Biblioteca Gallega, que publicou algúns dos libros máis fermosos que se imprimiron neste país. Tampouco teríamos a Biblioteca Galega 120, que recupera o vello título daquela primeira editorial e que nos vai acompañar ó longo dun ano. Onte pola tarde, mentres asistía ó acto de presentación, non me saía da cabeza a idea de que aquela festa puido non ter existido. A vida é así. Se a Juan Fernández Latorre o mataran, como pretenderon facer no seu tempo, a historia de Galicia sería moi diferente. A Xustiza Divina debía consistir en permitir que os personaxes que dictaron aquela sentencia de morte puidesen estar onte en Santiago, mesturados entre a xente. E que levasen un libro para a casa. Aínda que non pagasen o euro.