ISAAC DÍAZ PARDO
30 dic 2001 . Actualizado a las 06:00 h.O máis salientable foi o do 11 de setembro, co derribo con proxectís humanos das Torres Xemelgas e o ataque ao Pentágono, que por certo deste último non se fala ren. A reacción xeral de vinganza, e non de xustiza, foi até certo punto lóxica. Os poderes, sen pensalo máis, fixeron responsable desa operación a Osama Bin Laden, e xa dende o primeiro intre se propuxeron ir a buscalo a Afganistán, o que se traduciu na posta en marcha dunha impresionante máquina militar que machacou aquela difícil terra. Percúrase non deixar vivo a ningún que pertencese á organización do Osama ese, que segundo as últimas declaracións que fixo por medio dun vídeo, os seus partidarios acabarán co poder dos EE UU, o que parece máis ben unha fanfurriñada logo da desfeita. Coido que non estamos ben informados. Parece que os norteamericanos non os queren vivos, polo que o espíritu de vinganza non tería desaparecido cando xa tiñan dominado todo. Desto dedúcese que os EE UU mostran un comportamento distinto para os pobos musulmáns, comparado co que tiveron cos xaponeses cando lles zorregaron no Pearl Harbor, o que dá a pensar que o mundo occidental, e non só os EE UU, tentan acabar cunha certa forza do islamismo. Nos novos anos que van vir saberemos se Osama Bin Laden foi o cerebro do 11-S, ou foi o cumio dunha pirámide de ancha base dun pobo que se ve condeado a perder, vivir na miseria, e a ser masacrado, polo que prefire morrer matando. É raro que con tantos sabios que ten Occidente, en pleno século XXI, non falen dos mecanismos de supervivencia que teñen os pobos diferenciados para sobrevivir cando se senten atacados. E hoxe os coñecementos científicos e técnicos, capaces de crear elementos terroríficos, non son exclusivos do mundo occidental. O ano remata tamén con esa tolería da Arxentina. O que foi até hai uns 60 anos un dos pobos máis ricos do planeta, vese hoxe asaltando e roubando tendas para poder comer. Nalgúns países de América Latina seguen producíndose sustancias que envelenan a medio mundo, e a penas algúns países pequenos teñen estabilidade. Antes do 11-S os EE UU tiñan unha leve recesión económica. A guerra de Afganistán, que algo nos ten de custar a todos, pode ser un bo negocio, como foron todas as guerras, para os EE UU, dándolle moito traballo ás industrias bélicas, que son as que mandan. Europa foi afirmándose e impoñendo o euro con éxito. Galiza foi onde menos se notaron as dificultades, continuando o camiño das privatizacións que colonizan, o que proba a resistencia da riqueza dos nosos recursos. Retrocedeu a RAG, que de ser un organismo científico para resolver problemas pasou a asambleario, gañando a carraxe contra Portugal, co aplauso dos retardatarios, en favor do inglés.