MARINA MAYORAL
29 dic 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Preguntábase hai uns días Carlos Casares nestas páxinas por que Carolina Otero, que a el lle parece «unha muller de aspecto máis ben vulgar, bastante anodina, sen ningún rasgo corporal do que se poidese dicir que fose especialmente bonito», chegou a ser amante de reis e emperadores, foi considerada unha raíña da beleza e provocou paixóns que levaron ó suicidio a máis dun home. Baseaba a súa opinión nas fotos do álbum publicado por Xerais (precioso libro, por certo) que recollen distintos carteis das actuacións da Bela Otero. Eu coido que teño a resposta, que é sinxela, pero que Carlos non ve porque el é galego e dende novo gustáronlle as suecas, mesmo casou cunha preciosa, cousa que naqueles tempos parecía tolería. O éxito de Carolina Otero débese a que era galega, tiña cara de galega e sen dúbida feitos de galega. Bótenlle unha ollada ó albúm de postais e comprobarano: atoparán que a Bela Otero parécese fisicamente a algunha muller galega que coñecen. A cara redonda, a boca pequena, os rasgos suaves, a ollada un pouco tristeira, malia o sorriso. E ademais o busto xeneroso, as amplas cadeiras e a cintura inverosimil, típica, esa si, da época. E as galegas tiveron sempre fama de engaioladoras. A min téñenme contado por aquí que as rapazas do resto de España choraban cando ós seus noivos lles tocaba no servicio militar Galicia, porque sabían que acabarían deixándoas por unha galega. En que radica o atractivo das nacidas nesta terra non o teño moi claro, pero parece ser que encarnamos para os de fóra un ideal da feminidade. Meu pai, castelán vello onde os haxa, que nunca entendeu ós galegos, pero que segue admirando ós noventa anos o atractivo das galegas, di sempre: «¡Iso de que unha muller te chame filliño...!». A esa encarnación do ideal feminino refírese o comentario que fixo o pintor Paul Klee cando escribe no seu diario despois de ver actuar á Bela Otero: «Mala voz, poses deliciosas, muller da cabeza ós pés». É curioso que ese atractivo só parece ser percibido polos homes de fóra de Galicia: na lista de amantes da Bela Otero hai rusos, alemáns, ingleses, franceses, italianos, americanos, pero non se fala de galegos. E xa ven o que di Casares: «vulgar e anodina». Ninguén é profeta na súa terra, que lles vou contar eu, que en toda a miña vida só conseguín namorar a un galego, e coido que foi porque levaba trinta anos fóra e xa se lle esquecera como eran as mulleres de por aquí. En fin, Carlos, que, como ti ben dis, nesto de gustos e fermosuras cada persoa é un mundo. E eu penso que a Bela Otero levaba con ela algo dos feitizos do mundo galego.