CARLOS CASARES
26 dic 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Estiven vendo unha fotografía curiosa. Nela aparecen un grupo de homes maduros traballando nun pequeno taller de ladrillo visto, situado nun barrio do sur de Londres, segundo se le no pé da foto. Teñen cara de xente normal, incluso dá a sensación de que son operarios contentos co seu oficio, quizais sorprendidos polo fotógrafo en plena tarefa, aínda que sen seren conscientes de que están sendo retratados, pois ningún deles mira á cámara, senón ós obxectos que teñen entre as mans. Estes parecen cordas de varios metros de largo e nalgunhas pódese observar como un pequeno aro de tipo metálico nunha punta. Polo visto, a fotografía foi tomada alá polos anos cincuenta e os homes que ocupan o centro do retrato son obreiros dunha fábrica encargada de preparar as sogas de aforcar que daquela se empregaban na Gran Bretaña e nos países que formaban o seu Imperio. O aro do extremo da corda é unha renovación tecnolóxica, destinada a suplir o nó corredizo, que ás veces, segundo tiñan informado varios verdugos, se atascaba e causaba problemas. En 1987, unha coñecida compañía británica foi requirida por un país estranxeiro para fabricar un par de patíbulos de madeira a proba de termitas. Unha nota do ministerio de Exteriores dictaminou que a construcción dese tipo de instrumentos era legal e que non había ningunha lei que prohibise a súa exportación, de maneira que a operación se levou a cabo con todas as bendicións. A empresa encargada de realizar o traballo tiña ademais un lema que dicía: «Traballamos para a xente». Non mentían. Executar a unha persoa é facer un traballo para esa persoa, que ten o dereito a ser ben matada. Por fortuna, nisto avanzouse moito.