ALIMENTAR Ó MONSTRO

La Voz

OPINIÓN

MARINA MAYORAL PÁXINAS SOLTAS

22 dic 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Unha nena norteamericana xoga co seu pai nun deses xogos interactivos nos que os nenos deben decidir o desenrolo da historia. Na historieta aparece un monstro perigoso ó que deben afrontar a nena e o pai. O xogo ofrece diversas opcións que se consideran formativas para desenrolar a creatividade e o espírito de iniciativa, e mesmo para detectar posibles problemas psicolóxicos dos nenos. As opcións que ofrece o xogo son: fuxir a todo correr; buscar refuxio trepando a unha árbore, camuflarse entre a natureza; afrontar ó monstro coas armas que teñen ó seu alcance; intentar buscar axuda nun poboado próximo; encomendarse á providencia e rezar... A nena dubida entre as distintas opcións sen decidirse por ningunha. Despois dun bo rato vólvese cara a seu pai e proponlle unha solución que non aparece no xogo: ¿E se lle désemos de comer?... A min, ó escoitala, viñéronseme de súpeto dúas imaxes á cabeza: unha moi antiga, daló dos anos da posguerra, cando ás escolas españolas chegaban unhas latas de queixo marelo que viñan dos Estados Unidos e que a min, que era mal comedora e non probaba o queixo galego, me parecía un manxar delicioso. A outra imaxe é máis recente: a dos paquetes de comida, que parecían bombas ou minas e que os avións americanos deixaron caer sobre Afganistán ó comezo desta última contenda. Oíndo a aquela neniña pensei que quizais os envíos de comida, tan frecuentes na política exterior de Estados Unidos, non se deban a unha postura de solidariedade co máis pobre ou necesitado senón ó convencemento que dictou as palabras da nena: que un monstro alimentado é menos perigoso que un monstruo famento, e que, ben farto, mesmo pode chegar a converterse en inofensivo. O xogo da nena seguramente non era de orixe americano, nin español, pese a que a familia ten membros desde pais, senón xaponés como son case todas as máquinas deste tipo en todo o mundo, e por eso non tiña esa opción, pero a ela debeulle asomar o ancestro que leva ós políticos americanos a alimentar mostros coa esperanza de domesticalos. Non lles debeu dar mal resultado ata agora xa que tan arraigada teñen esa idea. Cos únicos que lles fallou foi cos terroristas de Bin Laden, un dos cales, a véspera do atentado do 11-S, mercou nunha tenda de Boston mobles e obxectos de conford que fixo enviar a súa familia; despois subiu ó avión e xa coñecen o resto. Se ve que o benestar é capaz de amansar feras, pero non fanáticos.