AQUELAS PESETAS

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE

19 dic 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Onte chamáronme por teléfono para preguntarme pola peseta, que agora se acaba. En realidade non acaba de todo, porque ese vai ser o nome que conserve a moeda oficial de Andorra, pero para o caso é como se desaparecese. Cando eu era neno, na miña casa había diñeiro vello, que xa non servía, supoño que dos anos da guerra, ou de antes. Recordo unhas moedas que chamaban carabas, pero que non sei cánto valían, aínda que teño unha idea de que podían valer vintecinco céntimos ou algo así. As que máis abundaban eran unhas grandes, de cobre, que se usaban para cocer o pulpo, pois dicían que lle daban sabor. Vendendo estas moedas de cobre gañei eu as miñas primeiras pesetas, cando era un crío. Un compañeiro díxome que había un señor na estrada de Baronzás, en Xinzo de Limia, que mercaba aquel diñeiro inútil e que pagaba con diñeiro do bo, o mesmo que servía para mercar tebeos e para ir ó cine. Eu leveille un saquetiño e deume a cambio unhas pesetas. Saín de alí coa conciencia horrible de que acababa de estafar a un vello infeliz. Recordo tamén as pesetas de papel, que daba a impresión de que duraban bastante, quizais porque había que cambialas. Despois viñeron as rubias, que aínda tiñan entidade, porque convivían con aqueles pesos que parecían de prata e dos que se dixo que o material valía máis que o seu valor oficial, o cal parece un disparate. A peseta morreu cando retiraron as rubias e foron substituídas polas últimas pesetas, que non valían nada. Valían tan pouco que se vían a centos tiradas na rúa, sen que ninguén se baixase a collelas, nin sequera os ricos, que en cuestións de diñeiro nunca desaproveitan nada. A ver quen tira un euro.