FALAR DO VIÑO

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES

14 dic 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Pasei unha boa parte da mañá de onte participando nunha tertulia na radio sobre o viño. Eu non son ningún experto, aínda que me gustan os bos viños, que os distingo da mesma maneira que sei se un queixo sabe ben ou sabe mal, ou mesmo unha mazá. Non me caen ben as persoas que din que a colleita dun determinado ano é mellor ca de outro e cáenme aínda peor aquelas que utilizan palabras rimbombantes para falar de aromas, texturas, sabores e non sei cantas cousas máis. Hai que non ten rubor en falar de viños delgados, ou viños con corpo, ou viños ben encabezados. O viño, se é bo, sabe ben, e nada máis. Cando eu era estudiante en Santiago, estaba de moda saber de cine. Naquelas divertidas e tumultuosas sesións de cineclub que se organizaban no Metropol, todos diciamos unhas bobadas sublimes, buscándolle patas inexistentes a gatos feitos só de palabras. Tragamos, con demasiada frecuencia, unhas películas horribles, pedantes e aburridas, que defendiamos como a quintaesencia dunha arte superior, reservada soamente para iniciados. Coñecín a un colega que sabía moito sobre viño: colleitas, marcas de todo o mundo, viñedos de Burdeos e Borgoña, prezos do Petrus, do Romané Conti, do Chateau Margaux ou o Chateau dïYquem. Un día, falando coa súa muller, souben que só bebía auga nas comidas e refrescos de laranxa embotellados polas tardes. Non me sorprendeu. Recordoume a aqueles profesores dos que falaba Risco nunha novela inacabada, que pretendían aprender a nadar por un libro e que entrenaban nun garaxe, facendo movementos no chan. Hai maniáticos para todo. Para saborear un bo viño aínda non hai que facer cursos universitarios. De momento.