ESTES VELLOS PAPEIS

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES

09 dic 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Pasei o día de onte ordenando papeis, poñendo algo de sentido nun caos que ameazaba con apoderarse definitivamente dun par de habitacións da casa. Ás veces, sen causa aparente, a un éntralle este afán clasificador, supoño que pola mesma razón que o corpo, de cando en vez, pon en marcha instrumentos de tipo defensivo, como poden ser o cansancio, a fame ou a febre. O caso foi que me liei con ese traballo e comprobei novamente, despois dunha experiencia de varios anos, que empeza sendo agradable, cando un descobre cousas esquecidas, e remata sendo un lío, ó comprobar que o caos non desaparece. Nun principio, un non acaba de entender por qué gardou no seu momento determinados papeis. Por exemplo, un folleto que fala de cómo se fabrica o cristal na fábrica de Orrefords, aínda que supoño que tería que ver cunha viaxe a aquel lugar, que recordo vagamente. Máis sentido ten unha entrada para ver Aida na ópera de Berlín ou a factura dunha cea no café Einstein. Máis raros, en cambio, son os billetes de metro ou de autobús. Con frecuencia aparecen números de teléfono sen o nome correspondente. Son inconfundibles, nunca se podería pensar que fosen o resultado dunha suma, ou unha cantidade de calquera cousa. Tería gracia marcalos e escoitar a voz de quen responda, a ver se aínda existe ou nos di algo despois de tantos anos. O peor son os nomes garabateados sobre un papel de emerxencia (un anaco de servilleta, o ticket dun café, a marxe recortada dun periódico), con señas incluídas, que hoxe carecen de significado. Sospeito que son restos de amistades efímeras, de promesas que quedaron no aire. ¡Deus Santo, o que nos pode aparecer no Xuizo Final!