XOSÉ CHAO REGO Ó ABEIRO DA FE
07 dic 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Un facíaos nas discotecas danzando coma malditos, ou apampados diante dun balón televisado, alienados do seu oficio transitorio de estudiantes, cando esperto co xornal, que me comunica que os estudiantes levan seis semanas de rebelión fóra das aulas, mentres o señor Aznar fai o que pode: frivoliza. Madrugo sen sospeitar que no ordenador me agarda o eco de Isaías (11) que anuncia que xa agroman os xermolos de Alguén que nos libere de tanta frivolidade e abuso das xentes do poder. Necesitamos un bautismo de lume, di o Baptista (Mt 3). Unha voz berra: «No deserto preparádelle o camiño ó Señor». Estamos no deserto, ermo político dos que non abren camiño pois non van a ningures. Converterse non é operación só relixiosa; é cousa de poñerse en situación de Advento: dunha actitude inconformista. O triunfo non vai ser das multitudes, senón das minorías abrahámicas, o que os profetas chamaban «o pequeno resto» do pobo que se salvaba da mediocridade. ¿Palabras bonitas? Non. Necesitamos fortes conviccións. Se algúns vellos seguimos coma na mocidade é porque nos empurra a esperanza. Graciñas, estudiantes, pois convosco nace o refillo anunciado polo profeta.