UN MINIPORCO

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES

06 dic 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

No diario sueco Aftonbladet de onte lin unha reportaxe sobre un miniporco que se chama Albin e vive nunha residencia de persoas maiores, convertido nunha especie de mascota. Foron os propios residentes os que reclamaron a presencia dun animal desas características, fartos da cantidade de comida que se tiraba todos os días á basura. O que sucedeu desde entón foi que Albin pasou a ser algo máis que unha solución para ese problema concreto e acabou converténdose nunha excelente compañía. O mellor de todo é que limpa perfectamente os chans da casa, pois come todo canto atopa, o mesmo a area que as migas do pan. Naturalmente, o miniporco causa algúns problemas. Un dos peores, a teima que ten de andar dun lado para outro coa alfombra sobre a que durme. Tamén o mal costume que adquiriu no sitio onde vivía antes, en compañía de outros animais, de ladrar como se fose un can. Polo demais, o resto son todo vantaxes, desde entreter á xente, ata andar de paseo polos corredores en labores de vixilancia. Todo o mundo está encantado, segundo parece. Por suposto, como ocorre sempre en Suecia en situacións semellantes, xa foron consultados os expertos. Neste caso, unha catedrática chamada Barbro Beck-Friis, especialista en doenzas da xente maior, dixo que os animais son moi bos para estas persoas e que recentes investigacións demostran que contribúen de maneira clara a unha recuperación máis rápida dos enfermos. Máis aínda, segundo esta señora, o contacto corporal cun can ou cun gato, baixa a presión arterial e diminúe a frecuencia do ritmo cardíaco. Non dixo nada dos beneficios que pode aportar un miniporco a este respecto, pero igual cura a gripe ou os catarros.