UN TALIBÁN

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES

04 dic 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Cando eu estudiaba en Santiago tiña un compañeiro que militaba nun daqueles partidos comunistas de tendencia maoísta a quen lle chamaban os chinos. Eran xente que consideraba que os soviéticos se volveran acomodaticios e que xa non encarnaban os ideais revolucionarios. Por esa razón os combatían con auténtica furia, coa mesma xenreira, ou máis, coa que loitaban contra o franquismo. A min sempre me intrigou saber cal era o motivo de que, de pronto, un rapaz nacido na Arzúa, poño por caso, ou en Verín, por seguir poñendo outro caso, se podía decantar polo que pasaba na China e pelexar por aquela causa. Agora, pasados xa bastantes anos, supoño que aquel rapaz e moitos dos que pensaban coma el recordarán aquela etapa das súas vidas con distancia irónica, cando non con melancolía, incluso aqueles que entregaron a libertade polos seus ideais. O tempo tende a quitarlle dramatismo a estas cousas, sobre todo se un contempla a evolución interna da propia China, entregada con entusiasmo consumista ás delicias da economía de mercado. Os periódicos de onte publicaban a noticia dun rapaz americano que se fixo talibán. Descubriuno a súa nai a traveso dunha fotografía, capturado en Afganistán. Un toliño. Temo, sen embargo, que as autoridades americanas o consideren un traidor e lle apliquen as drásticas leis que pretenden poñer en práctica, incluída a pena de morte clandestina, executada en secreto nun barco de guerra situado en alta mar. Sería un despropósito, ademáis dunha inxusticia. Cunha pouca imaxinación pode situarse un trinta anos por diante e ver ata que punto esto é unha estupidez. Que o duchen e lle dean diñeiro para un bocadillo. Ou un xelado.