XESÚS ALONSO MONTERO BEATUS QUI LEGIT
29 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.A Universidade de Castilla-La Mancha acaba de celebrar, en Ciudad Real, un congreso dedicado ó estudio da vida e da obra do poeta Nicolás Guillén. Organizouno, na Facultade de Letras, a cátedra de estudios cubanos que leva o nome do ilustre escritor, nado en Camagüey en 1902. Así pois, o ano que vén será o primer centenario do nacemento do gran poeta cubano, data na que será obxecto dun grandioso congreso na Habana, congreso do que este de Ciudad Real foi un elocuente adro. É de xustiza sinalar que colaborou cos organizadores casteláns a cátedra de estudios cubanos Alejo Carpentier da Universidade de Compostela, cátedra que prepara, para o próximo ano, unhas xornadas sobre o autor de La paloma de vuelo popular. Popular foi a pomba e maila musa de Nicolás Guillén, sobre todo desde o poemario España. Poema en cuatro angustias y una esperanza, libro de 1937, annus mirabilis no que César Vallejo publicou España, aparta de mí este cáliz, e Pablo Neruda, España en el corazón. Era, no mapa intelectual e político do mundo, a hora de España, e así, Hora de España se titulou aquela extraordinaria revista da intelectualidade antifeixista. Poeta antiimperialista e comunista, Nicolás Guillén foi moi oído (máis que lido) nas asembleas e os peches dos universitarios galegos arredor de 1970, cando había, en número moi significativo, estudiantes anticapitalistas dignos de tal nome. En efecto, o poeta mulato cubano, dono dos mellores ritmos afroantillanos, xa fora musicado e cantado, cancións que non sempre superaban en melodía os recitados do propio Guillén. Os discos seus eran moeda clandestina que, vidos de Cuba, pasaban de man en man, ata soaren nos actos de protesta universitaria. (Y puro como un niño / o como un hombre puro, / Che Comandante, amigo). Interviñeron no Congreso de Ciudad Real estudiosos de Cuba (24), de España, de Estados Unidos, de México...; da Universidade de Santiago asistimos Luís Martul Tobío, Carmen Luna, María Galán e máis eu. Non estivo presente, de Galicia, Xosé Neira Vilas, autor da traducción dunha escolma ó noso idioma: Trintenove poemas (Ediciós do Castro, 1977). O libro era ben coñecido por algúns intelectuais cubanos presentes no congreso: Roberto Fernández Retamar, Nancy Morejón, Nicolás Hernández Guillén... Eu mencionei, coas debidas gabanzas, a traducción de Neira Vilas, daquela (1977) con sete poemas inéditos en castelán (Eu vou a cantar un son /cubano en lingua española, /para nel decirche, Angola,/ que estás no meu corazón). Pero na miña conferencia, titulada A propósito de Nicolás Guillén: cuando se creía en la poesía social, o tema central foi outro: a gran poesía civil -de Neruda a Éluard- produciuse nun momento da historia no que algúns grandes poetas crían na Revolución.