CARLOS CASARES
20 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Falaba onte aquí desas normas ortopédicas necesarias para andar pola vida sen dar cos morros no chan cada pouco tempo. Referíame, sobre todo, a esa especie que eu chamo os propagandistas de si mesmos, e que son moi numerosos, por desgracia. Actúan da seguinte maneira. Primeiro dedicánse a construír un pedestal enorme, canto máis alto mellor. Cando estiman que este ten a altura adecuada, suben nel, instalánse solemnemente no curuto e desde alí dan comezo á súa misión. Empezan por proclamar as propias virtudes, sobre todo de tipo moral. Defínense como honestos, incorruptibles, coerentes e insobornables. Rematada esta fase de auto-canonización, convertidos en exemplos inmaculados por si mesmos para os demais, inician a fase que consiste en encher o mundo de senvergonzas para que se poda valorar mellor a singularidade das excelsas virtudes exhibidas desde o alto da columna. Co látigo na man, fustigan sen piedade a todo canto bicho humano pasa arredor, sobre todo a aqueles que non se volven para facerlles a inclinación. Resulta divertido que xentes que inclúen sempre no seu discurso alegatos a favor da humanidade, cheguen á conclusión de que a maior parte da humanidade é corrupta. Por suposto, excepto eles mesmos. Cando vexo a un destes individuos modelo subidos no alto do pedestal, pregúntome canto haberá que esperar para velos caídos no chan, coas vergonzas ó aire. É cuestión de tempo e nunca falla. De maneira que fronte a aquela frase ignominiosa que fala de sacar a pistola cando se escoita a palabra cultura, podíase dicir que cando se ve a algún destes homes exemplares, un saca a mellor sorrisa da que dispón e ponse a esperar.